Nigrán ofrece o festival “Chan de Folk” con observación das perseidas e concerto de Roi Casal

O Concello de Nigrán ofrece este sábado en Chandebrito a segunda edición do festival “Chan de Folk”, evento que fusiona a xa popular noite de observación das perseidas na parroquia co concerto de Roi Casal “Son Galego, Son Cubano” (21:30 horas), espectáculo financiado dende a Deputación de Pontevedra a través de Musigal. Conta ademais coa colaboración da Comunidade de Montes e a Asociación de Veciños “O Castro”.

A sesión posterior ao concerto dedicada a contemplar as bágoas de San Lourenzo (23:30 horas e se as condicións atmosféricas o permiten) contará novamente con guías da Agrupación Astronómica Coruñesa, que ofrecerán as súas explicacións nun punto da parroquia afastado de toda contaminación lumínica e con gran bóveda celeste. Os interesados en acudir ao festival, de non coñecer o lugar, poden presentarse ás 20:30 horas no Concello de Nigrán en vehículo propio (o campo de fútbol de Chandebrito funcionará como aparcadoiro, xa que está pegado á carballeira onde se celebrará o concerto e posterior saída á observación). Haberá cantina con venda de bebidas e choripáns.

“Son galego, Son cubano” foi presentado no Gran Teatro da Habana no mes de maio de 2016 con dous memorables concertos. Trátase dun espectáculo inesquecible con letras de Neira Vilas e a posta en escena dos mellores músicos de ámbolos dous países, que foi visto en directo por máis de 100.000 espectadores dende a súa posta en escena en Cuba. Roi Casal traballou conxuntamente neste espectáculo con Neira Vilas até o falecemento deste último en novembro de 2015. A xira é considerada unha fermosa homenaxe ao propio escritor e á emigración galega en Cuba, onde residiu 31 anos da súa vida para deixar rexistrada en varias das súas obras a incrible epopea dos galegos na illa caribeña.

O Concello de Nigrán iniciou a actividade de observación das perseidas en Chandebrito en agosto de 2015, reunindo xa na primeira edición a máis de duascentas persoas, foi o ano pasado cando creou o festival “Chan de Folk” que une definitivamente música e estrelas nunha mesma xornada. Actualmente está instaurada como unha das propostas de referencia no calendario de verán, sendo unha proposta máis para dar a coñecer esta parroquia do interior con gran riqueza natural, patrimonial e etnográfica.

As perseidas toman o nome da constelación de Perseo porque debido a un efecto óptico da a sensación de que todas veñan desde ese mesmo punto. Tamén son denominadas “bágoas de San Lourenzo” pola proximidade ao seu pico máximo o 10 de agosto (festividade do mártir español do mesmo nome). Non son estrelas fugaces, senón meteoros moi brillantes que viaxan a 59 km/segundo, deixando ás veces unha estela ao seu paso. A súa afluencia é de 100/150 á hora e o seu causante é o cometa 109 P/swift-Tuttlem, que se fragmenta cada vez que a terra cruza a súa órbita.

2019-08-06 - FACEBOOK_CHAN-DE_FOLK_Actualizacion_Cartel_2019

Anuncios