Desde esta fin de semana pódese utilizar o novo aparcamento que se construíu na contorna da Praza de Rosalía de Castro de Gondomar, que poñerá ao dispor dos veciños do municipio un total de 25 prazas. Esta nova infraestrutura enmárcase dentro da filosofía do actual goberno que aposta pola rehabilitación e recuperación do centro urbano para os habitantes da localidade, facilitando así que poidan acceder a el sen problemas á hora de buscar onde deixar os seus vehículos.
En total habilitáronse na Praza de Rosalía de Castro 25 prazas de estacionamento: 22 para coches, unha delas adaptada, así como tres para motociclistas. A remodelación da zona, que se licitou por algo máis de 77.000 euros, inclúese dentro do Plan Concellos da Deputación Provincial e completarase coa mellora da iluminación e a creación de diversas zonas verdes.
Conclúese así esta primeira fase que se completará nos próximos meses con novas actuacións que permitirán acceder directamente desde a circunvalación á Praza de Rosalía de Castro, buscando unha mellora na accesibilidade dos veciños entre diferentes rúas e puntos da localidade.
Políticas en materia de infraestruturas que perseguen ademais de dinamizar e potenciar espazos do centro urbano promover unha maior proximidade ao pequeno e mediano comercio da zona, con medidas que faciliten aos cidadáns e cidadás acceder a el con comodidade, como a habilitación de prazas de aparcamento.

