Amistades Peligrosas e Dr. Queen, este sábado nas Festas da Anunciada

Este sábado continúan as Festas da Anunciada en Baiona. Ás 22:30 horas comezará o concerto de Amistades Peligrosas, formado por Cristina del Valle e o baionés Marcos Rodríguez, e despois da gran tirada de fogos de lucería, que arrancará a medianoite, terá lugar o espectáculo dunha das bandas tributo a Queen con maior recoñecemento a nivel internacional, Dr. Queen, que vén en exclusiva a Baiona desde Arxentina co seu “Bohemian Tour”.

Previamente, a xornada comezará co pasarrúas dos xigantes e cabezudos acompañados polo grupo de gaitas “A Seneira” de Baiona a partir das 11:30 horas. Ás 12:30 horas a Banda de Música de Baiona ofrecerá un pasarrúas polo casco antigo e un concerto na Praza do Concello (13:00 horas). Ás 20:00 horas comezará a Misa Solemne na Capela de Santa Liberata, cantada polo Coro de Homes “Voces Baionesas”. A continuación terá lugar a procesión polas rúas da vila acompañada da Banda de Música de Baiona e coa actuación da tradicional Danza das Espadas na Praza de Santa Liberata.