Nigrán ofrecerá no mes de agosto máis de medio cento de actividades

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Flota como Poidas.

O Concello de Nigrán ofrece neste mes de agosto máis de medio cento de actividades de lecer que dan continuidade sen transición á programación cultural e deportiva do mes de xullo. Así, aposta por eventos xa consolidados como a carreira pola praia Nigrán Area de mañá ou o “Flota como Poidas” (día 18) e colabora coas distintas asociacións na Baixada de Carros de Bólas de Camos (10-11) ou o festival da cervexa artesá Val Miñor Fest (do 15 ao 18), ao mesmo tempo, repite os estreados con éxito en 2018 como Chan de Folk (festival que une a xa tradicional observación das perseídas en Chandebrito cun concerto folk), a batalla de galos en Praia América “Freestyle Master” (3), ou o Rockin Patos como peche de verán (día 24).

O gran abano de actividades e o seu atractivo e diversidade prorrogan o que xa foi un inesquecible mes de xullo, situando a Nigrán como un gran referente cultural de toda a provincia. Ademais, o Concello incorpora importantes novidades á programación estival, como a presenza por vez primeira do festival Peregrinos Musicais o domingo día 4 aos pés do Templo Votivo de Panxón, un escenario espectacular “estreado” o ano pasado e onde a Nova Orquestra Promúsica de Málaga ofrecerá un concerto cos grandes temas da historia do cinema (21:00).

Ademais, o Concello ofrece en colaboración co IEM senllos roteiros (un polo mar de Panxón o día 13 e outro etnográfico tamén por esta parroquia o día 6) e repetirase a ruta xeolóxica por Monteferro (día 7 e 20). Citas gastronómicas ineludibles como a Festa dos Ovos con Chourizo de Bolos da Carrasca (o día 9 dentro da súa semana cultural) ou o festival da cervexa artesá na Foz volverán ser referencia desde o punto de vista culinario.

PROGRAMACIÓN CULTURAL AGOSTO NIGRÁN