16 parellas disputarán a tradicional Regata de Gamelas de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Regata de Gamelas en Baiona.

A Concellería de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organiza un ano máis con motivo das festas patronais da Anunciada a tradicional Regata de Gamelas “Gran Premio Euro Red Vigo 2019”.

Como en edicións anteriores, a regata centralizarase nun único día, o venres 2 de agosto, coa celebración das quendas clasificatorias masculinas ás 19:00 horas. A final das mulleres será ás 19:45 horas e a dos homes ás 20:15. Ás 21:00 horas está prevista a entrega de premios, e a continuación haberá unha festa fin de regata con paella, cervexa e música en directo para todos os participantes.

Participarán un total de 16 parellas, 11 masculinas e 5 femininas, chegadas de Vigo, Nigrán, Baiona, A Guarda, Vilanova de Gaia, Tui, Moaña, Noia e Redondela. Clasificaranse para as finais as 5 parellas masculinas, que consigan os mellores tempos nas quendas clasificatorias.

Os tres primeiros clasificados, tanto na categoría masculina como feminina, recibirán ademais do trofeo un premio en metálico, de 300 euros para os gañadores, de 200 euros para os segundos e de 100 para os terceiros. Haberá agasallos para todos os participantes.