Sin categoría

Baiona reforza o persoal da Policía Local con nove auxiliares

O alcalde de Baiona, Carlos Gómez, xunto co concelleiro de Seguridade, Óscar Martínez, e o concelleiro de Persoal, Carlos de la Peña, recibiron este venres aos novos auxiliares da Policía Local para darlles a benvida e facerlles entrega das respectivas acreditacións. Como é sabido a Real Vila durante a época estival rexistra un importante aumento de poboación, tanto fixa como flotante, por iso faise necesario ampliar o persoal habitual composto por trece axentes, un oficial e un Inspector-Xefe.

O feito de contratar auxiliares non significa falta de preparación ou experiencia xa que a maioría deles estiveron prestando servizos temporais neste e outros concellos. Tamén contan cunha ampla preparación académica que recolle aspectos tanto teóricos como prácticos. Na súa formación, desde hai algún tempo, inclúense temas relacionados co medio ambiente, a violencia de xénero ou aqueles relacionados con delitos informáticos.

A isto hai que engadir a vixilancia de tráfico, o mantemento da orde pública, velar polo coidado e seguridade dos escolares á entrada e saída de colexios, os conflitos veciñais ou a resolución dunha infinidade de asuntos para os que son requiridos

Pola súa banda, o alcalde, Carlos Gómez, sinala que a contratación destes nove traballadores será “de gran axuda para incrementar a seguridade cidadá e benestar dos veciños en todo o municipio e dos turistas que visitan Baiona”. O concelleiro de Seguridade asegura que as novas incorporacións permitirán cumprimentar o servizo actual nas tarefas de control de tráfico, seguridade viaria e seguridade cidadá.