Tres barcos do Monte Real colócanse na cabeza do Conde de Gondomar

FOTO: ROSANA CALVO // O Bouvento, vencedor na clase Fígaro.

As clases PSA RETAIL ORC 4-5, RÍAS BAIXAS J80 e MARTIN MILLER FÍGARO foron as encargadas de inaugurar este xoves, día grande do Apóstolo, a clasificación do 44º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell, que se celebra estes días en Galicia baixo a organización do Monte Real Club de Yates de Baiona.

Cos grandes barcos disputándose a etapa -aínda por finalizar- de case 100 millas ata o Carrumeiro Chico, en Corcubión, os marcadores do trofeo abríronse coas puntuacións dos ORC 4-5 e monotipos, que completaron unha travesía costeira de case 30 millas desde Baiona ata o faro Camouco, nas proximidades de Ons, e regreso ata o final de proba situado na illa sur de Cíes.

Lucindo grímpola do Monte Real Club de Yates, o Unus de Luis García Trigo, foi o vencedor da xornada na clase PSA RETAIL ORC 4-5, tras asinar un tempo de 5 horas e 19 minutos nas 29,6 millas en disputa. O barco do club organizador superou á Burla Negra de Juan José Martínez Silva, do Club Náutico Castrelo do Miño; e ao Balea Dous de Luis Pérez, do Real Club Náutico de Rodeira; dúas grandes tripulacións, aspirantes tamén á vitoria final da clase, que se tiveron que conformar coa segunda e terceira posición de etapa.

Unha etapa que resultou algo complicada pola meteoroloxía, que marcou a travesía dos veleiros dificultando a saída con chuvascos e néboa, complicando con algo de ondada o paso por Carallones e freándoos con algunha encalmada nas proximidades das Illas Cíes. A pesar de todo, o vento do sur, cuns 12 nós de media, impulsou de popa aos veleiros ata o Camouco, permitíndolles alcanzalo en menos de tres horas.

O primeiro barco en dobralo foi o Luna Nueva de Juan Luis Tuero, o mellor sen dúbida de toda a frota de 8 metros na clase RÍAS BAIXAS J80. Coa súa tripulación habitual, o asturiano completou unha moi boa regata manténdose na cabeza durante todo o percorrido e fíxose coas primeiras papeletas para o gran premio final. Impúxose sobre o Maija de José Luis Pérez, tamén do Monte Real, ao que sacou seis minutos; e ao Mondo de Bernardo Macedo, que ocupa o terceiro posto do podio provisional.

Na clase MARTIN MILLER FÍGARO, tamén puntuada en tempo real, o Bouvento, patroneado por Fernando Rey gañou a regata do día, unha proba que finalizou por baixo das seis horas. Lidera a clasificación provisional seguido polo Ladeira de Genoveva Pereiro, que cruzou a liña de chegada un cuarto de hora despois do primeiro; e o Tutatis de Víctor Fernández, que empregou 6 horas e 25 minutos en completar percorrido.

Tras a primeira proba concluída na auga, unha cea mariñeira por cortesía do Monte Real Club de Yates e unha degustación de gintonics de Martin Miller’s Gin e Royal Bliss poñerán o punto e final á xornada inaugural do Conde de Gondomar para as clases Rías Baixas J80 e Martin Miller Fígaro.

Continúa a disputa do Carrumeiro Chico

Na competición STORAX ORC 1-2-3, que agrupa aos grandes barcos, as tripulacións continúan aínda a esta hora a súa particular batalla pola xesta do Carrumeiro Chico, a gran proba do Conde de Gondomar, con case 100 millas de percorrido.

O Yess Too, do portugués Rui Ramada, foi o primeiro barco en chegar á zona coñecida como o Cemiterio dos Gregos e virar o mítico faro ás 18:59, tras 8 horas de navegación. Quedan aínda por diante varias horas máis de travesía ata cruzar a liña de chegada.

O Aceites Abril dos irmáns Pérez Canal e o Pairo 8 patroneado por Luis Bugallo, mantivéronse durante toda a proba non moi afastados do barco luso e moi pegados entre si, deixando claro que queren facerse coa vitoria da mítica proba unha vez compénsense os tempos.

O Bon III, con Víctor Carrión á cana, é outro dos que van pisando forte na competición, no ronsel dos tres primeiros sen distanciarse nunca demasiado.

Unha vez finalizada a longa travesía, o Monte Real Club de Yates ofrecerá ás tripulacións os xa tradicionais ovos con chourizo e caldo, para que os regatistas poidan recuperar forzas tras o arduo esforzo dunha das probas máis duras do calendario náutico español.

O sábado 27 retómase a competición

Tras unha xornada de merecido descanso para os veleiros do Carrumeiro, o 44º Conde de Gondomar – Trofeo Banco Sabadell renóvase o sábado 27 coa celebración da segunda xornada a partir do mediodía. A proba en disputa será, nesta ocasión, un percorrido dunhas 32 millas rodeando a illa de Ons.

Aínda quedarán para o final da competición dúas probas máis, do tipo barlovento sotavento, programadas para o domingo para partir do mediodía no fondeadoiro das illas Cíes. Será entón cando se complete o programa do trofeo, descubríndose a configuración do podio de gañadores.