Demostración de poderío de Samuel Blanco na primeira xornada de montaña da Volta Ciclista a León. O redondelán do Vigo-Rías Baixas alcanzou fuxido a liña de meta xunto a outros tres corredores tras arrancar desde o pelotón no porto de 1ª de Pandetrave e contactar en solitario coa cabeza de carreira. Terceiro no sprint final, o corredor da estrutura presidida por José Luis Chamorro logrou un botín de 33 segundos de vantaxe sobre a maioría de favoritos.
O conxunto flúor foi protagonista desde o tramo inicial dos 153 quilómetros de percorrido entre Carmenes e Boca de Huérgano. Como vén sendo tónica habitual, Barrientos formou parte da escapada do día. O arxentino compartiu aventura con Gerard Armillas (Controlpack) e Sergey Shatovkin e Petr Kelemen, ambos os dous do equipo da UCI.
Lucindo a camisola das Metas Volantes, Barrientos aproveitou para reforzar o seu liderado nesta clasificación ocupando a primeira posición en cinco pasos puntuables. Armillas e Shatovkin acabarían quedándose sós á fronte da proba despois dos ascensos aos altos de 2ª categoría de Las Señales e Panderueda.
Aínda quedaba por diante a subida a Pandetrave, de 1ª categoría, coa súa cima a 20 km para o final. Nese porto Blanco atacou no pelotón xunto a outros dous corredores, aos que soltou de roda. O de Redondela lanzouse no descenso e a 2 km de meta atrapou a Armillas, Shatovkin e a Carlos García (Kometa), que saltara do grupo principal no último alto de 2ª.
Os catro xogáronse o triunfo e Armillas impuxo a súa punta de velocidade. Blanco concluíu segundo e a 33 segundos chegou un grupo de 23 unidades con Carlos Cobos, o outro xefe de filas do cadro olívico.
Na xeral Blanco sitúase segundo, igualado a tempo co resto de fuxidos, e Cobos 22º, a 33″. O Vigo-Rías Baixas, que mantén aos seus sete efectivos en carreira, é quinto por equipos.
Este xoves dispútase a terceira etapa, considerada como a raíña desta rolda, de 135 km con final no porto de 1ª categoría de Ancares. Os 5 km finais presentan un desnivel medio do 12%.

