Baiona pon en valor a nosa cultura e a nosa lingua no Día de Galicia

O Concello de Baiona conmemorou este xoves o Día de Galicia cun sinxelo acto no que se leu un manifesto no que o alcalde, Carlos Gómez Prado, quixo poñer en valor a nosa cultura e a nosa lingua, agradecendo a todos aqueles que as manteñen vivas, como os nosos escritores, pintores, artesáns, actores… pero sobre todo ás asociacións deportivas, culturais, grupos rexionais, folclóricos, musicais… “a todas as baionesas e baioneses grazas aos cales conseguimos que a nosa cultura chegue a outras cidades galegas, así tamén como a cidades nacionais e internacionais”.

“Temos a obrigación de agradecer -continuou o rexedor- a quen nos transmitiu esa riqueza, que co seu agarimo guiounos, con esas mans rugosas torradas polo sol e a brisa mariña arrolábannos coas súas cancións e refraneiros, ensinábannos a retranca galega, a escapar das contestacións directas cun malo será, a ter sempre unha pregunta para contestar a outra, quitarlle importancia ás cousas (se chove que chova) a ser grandes meteorólogos (fai un sol de carallo), cambiar o significado dunha palabra só engadíndolle unha terminación (que riquiña. Inventándonos terminacións para as frases que che relacionarán co teu lugar de orixe (cho)”.

“Como a cultura é tradición e pedaciños da nosa vida, non nos podemos esquecer do noso querido mar, ese que tantas alegrías e tristeza dános desde os principios da historia e o cal se converteu nun emisor das nosas tradicións. Esa é a nosa cultura e a nosa lingua a que nos transmitiron e da cal estamos orgullosos”, concluíu Gómez Prado, que para terminar leu o “Canto ó idioma galego” de Manuel María Fernández. Finalmente, o Grupo de Gaitas “A Seneira” de Baiona clausurou o acto coa interpretación do himno galego.