Levan cinco petos da Igrexa de Sabarís tras arrincalos da parede

Os amigos do alleo levaron este luns ao mediodía un conxunto de cinco petos da Igrexa de Santa Cristina da Ramallosa. Hai 15 días xa forzaran o cadeado e fixéronse co diñeiro, pero nesta ocasión, para sorpresa do párroco, Uxío Nerga, arrincaron as caixas de madeira da parede. As portas estaban abertas porque se estaba preparando o templo para as celebracións na honra da súa patroa, Santa Cristina, que comezan hoxe mesmo.

Trátase dun conxunto de petos nos que os fregueses poden depositar os seus donativos para as Benditas Ánimas, a Virxe do Carme, Santa Cristina, A Milagrosa e San Xosé, situado á entrada da Igrexa con outro conxunto xemelgo que deixaron intacto. Segundo afirmou o párroco, a cantidade que contiñan os petos non podía ser moita, “tan só o que botasen esa mañá”, porque o día anterior non había nada. “É o feito mesmo, de arrincar xa uns petos, arramblar con eles de raíz e saír, ao ombreiro ou non sei”, comenta Uxío asombrado.

Nas próximas horas presentará a correspondente denuncia ante a Garda Civil, do mesmo xeito que xa fixo hai 15 días.

LEVAN CINCO PETOS DA IGREXA DE SABARÍS TRAS ARRINCALOS DA PAREDE