O Fleur de Passion amarra no Monte Real na súa volta ao mundo

O Monte Real Club de Yates acolle estes días nos seus pantaláns ao Fleur de Passión, o veleiro suízo de 33 metros de eslora que durante os últimos catro anos e medio navegou ao redor do planeta replicando a primeira volta ao mundo de Magallanes e Elcano.

O club baionés foi elixido pola Fondation Pacifique (a organización sen ánimo de lucro con sede en Xenebra que lidera a Ocean Mapping Expedition), como escala nas últimas etapas da navegación do veleiro, que continuará mañá martes rumbo a Lisboa, Faro e Cádiz. Durante a súa estancia no Monte Real, a embarcación permaneceu aberta ao público que desexase visitalo e os alumnos da Escola de Vela do club puideron coñecer máis ao detalle as súas características, subíndose a bordo e escoitando as explicacións da tripulación.

O principal obxectivo do Fleur de Passion na súa travesía ao redor do mundo é ofrecer datos sobre o impacto do home nos océanos, tratando ao mesmo tempo de concienciar sobre a necesidade de poñer en marcha actuacións para evitar a súa deterioración. Os microplásticos, a contaminación sonora, os gases efecto invernadoiro ou o estado de saúde dos arrecifes de coral son algúns das problemáticas que se abordaron nas diferentes escalas do veleiro.

O Fleur de Passion é o veleiro suízo de maior tamaño, un antigo buque dragaminas da armada alemá, construído en 1941 e transformado en veleiro nos anos setenta.

2019-07-22 - El Fleur de passion esta mañana en el Monte Real

Anuncios