O PP de Baiona oponse frontalmente a renunciar ás bandeiras azuis

A decisión tomada desde Baiona acerca da renuncia á totalidade das bandeiras azuis ante a falta de socorristas, espertou unha serie de reaccións entre algúns grupos da oposición que non se fixeron esperar. Así pois o portavoz do Partido Popular baionés, Ángel Rodal, non dubidou á hora de mostrar a súa desconformidade ante a devolución dos estandartes alegando que “a solución dos conflitos que poidan xurdir son inherentes ao cargo e lévanse a cabo mediante a xestión”.

Neste sentido, Rodal manifestou que o distintivo concedido por ADEAC é comparable á “Q” de calidade ou o “Sistema Sicted”, entre outros, que non son outros que “elementos que simbolizan unha excelencia e que levan aparellados moito traballo para conseguilos”. Así pois o líder dos populares na vila mariñeira alegou na súa postura que o feito de que un estandarte concedido pola ONG ondee nunha praia, é sinónimo de que os servizos principais do areal, seguridade e calidade nas augas van estar cubertos. “É unha garantía para o usuario da praia e considero que hai que facer todo o posible para mantelos”, engadiu.

O principal motivo esgrimido polo alcalde socialista, Carlos Gómez, que levou a el e ao seu equipo de goberno a renunciar aos distintivos foi precisamente a escaseza de socorristas, xa que para poder manter as bandeiras en Santa Marta, Ribeira, Concheira, Barbeira e Frades ADEAC esixe un mínimo de dous técnicos de salvamento por praia cunha cobertura garantida, e este ano tan só lograron seis. Neste sentido Rodal considera que “as bandeiras azuis deberían de ser unha prioridade para os concellos e se non hai socorristas hai que buscalos”. Así mesmo aproveitou para lembrar o caso de Sanxenxo, un municipio que logrou cubrir a tempo a totalidade das prazas solicitadas.

Un mes máis de contrato

Cabe destacar que tras a situación vivida o pasado verán, na que os municipios costeiros da comarca víronse na obrigación de atrasar o izado dúas semanas, desde a Mancomunidade tomaron cartas no asunto e levaron a cabo a modificación nas condicións de contratación, que contemplaban unha serie de aumentos salariais tanto para os socorristas como para os coordinadores. Unha medida que de xeito evidente non foi suficiente para atraer aos 30 profesionais solicitados para a presente tempada.

O ex alcalde baionés, pola súa banda, mantén que “terán que seguir buscando fórmulas para facer unhas condicións máis atractivas” e considera que a ampliación dos períodos de contratación de dous a tres meses podería fornecer o seu efecto. “Hai moitos socorristas galegos que se van ás illas para traballar porque alí teñen emprego durante máis tempo que aquí”, explicou.

Anuncios