O proxecto Alganat organiza en Baiona un obradoiro formativo para o sector pesqueiro

O proxecto Alganat continúa coas actividades divulgativas organizadas para dar a coñecer non só o proxecto, senón tamén o valor das algas tanto para o ecosistema como para o benestar humano. Investigadores e investigadoras do proxecto ofrecerán este xoves 18 de xullo na Casa da Navegación de Baiona un obradoiro formativo dirixido ao sector pesqueiro que contará cunha parte teórica e cun exercicio práctico no que poderán participar todas as persoas asistentes.

O obradoiro arrancará ás 18:00 horas cunha breve presentación para dar paso a unha charla da investigadora Marta Román sobre o papel das algas, o seu valor económico, os problemas aos que se enfrontan co cambio climático ou a necesidade de desenvolver técnicas rápidas e de baixo custo para monitorar a súa abundancia e estado fisiolóxico, especialmente en áreas mariñas protexidas como pode ser o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia. O desenvolvemento dunha ferramenta na que xa está a traballar o proxecto Alganat e sobre a que Juan Luis Rodríguez Somoza profundará máis durante a sesión.

Ás 19:30 horas todos os asistentes poderán participar nun exercicio práctico deseñado para este obradoiro, que terminará entre as 20:15 e as 21:00 horas cun petisco para todos os e as participantes. Trátase dun obradoiro totalmente gratuíto con acceso libre ata completar aforo.

Campo de probas, as Cíes

Alganat2000 trátase dun proxecto de investigación desenvolto polos grupos de Ecoloxía Costeira e Xeotecnoloxías Aplicadas da Universidade de Vigo en colaboración co Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica, a través do Programa pleamar, cofinanciado polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

O obxectivo deste proxecto, que realiza as súas probas con varias especies de macroalgas do hábitat intermareal rochoso das illas Cíes, é desenvolver unha ferramenta xeoespacial, innovadora e de baixo custo coa que cartografiar e monitorar de forma periódica as macroalgas e o seu estado fisiolóxico, contribuíndo a unha mellora na xestión integral do parque baseada no coñecemento.

A través deste proxecto, un equipo de investigadores e investigadoras cuantifican e avalían o estado fisiolóxico de varias macroalgas in situ utilizando cuadrículas, mentres que un dron realiza a documentación cartográfica da zona de estudo a partir das imaxes tomadas por unha cámara multiespectral. Por último, desenvolverase unha aplicación informática que permitirá, a través do procesamento de imaxe, analizar a distribución e abundancia das macroalgas e o seu estado fisiolóxico. Isto supoñerá unha diminución do custo das mostraxes de campo, unha xestión global do espazo natural, unha mellora na frecuencia temporal de mostraxe e a integración de todos os datos en sistemas de información xeográfica que se poden nutrir doutro tipo de datos xeoespaciais.

img1