Sin categoría

Carlos Méixome fala da Baiona de 1936 na Capitanía Marítima

Carlos Méixome Quinteiro, profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario ata a súa prexubilación, e un dos impulsores do Instituto de Estudos Miñoráns, do que foi director ata a súa dimisión en 2015, ofrecerá este xoves 18 de xullo ás 20:00 horas na Capitanía Marítima de Baiona (Elduayen, 20) a conferencia titulada “Baiona 1936”.

Baiona 1936

O 15 de abril de 1931, a Baiona, como no conxunto do estado, no de Galicia e no Val de Miñor chegaba un novo réxime político: A II República. Cómo era a sociedade baionesa do momento?, cáles as súas principais forzas sociais e políticas?, cal a súa base económica?, que pasou naquel breve período?, por que aquel ilusiónante novo tempo rematou coa feroz violencia desatada o 18 de xullo de 1936? Que lle pasou ás autoridades municipais, alcaldes e concelleiros, e os principais dirixentes sindicais obreiros, mariñeiros e labregos? Queremos saber destes pasados incómodos?

Carlos Méixome Quinteiro (Lalín,1954)

Estudou Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade de Santiago. Foi profesor de Xeografía e Historia no ensino secundario ata a súa prexubilación. Exerceu durante máis de dúas décadas no IES Escolas Proval de Nigrán .

Ten traballado en cuestións internacionais sobre as que ten publicado unha gran cantidade de artigos e, en colaboración co Instituto galego de Documentación Internacional (IGADI): O conflito dos Balcáns. A ex – Iugoslavia (1994), Rusia, das orixes á crise dun modelo (1996) e Cuba, independencia e revolución (1998).

Sobre historia contemporánea publicou: Textos e Documentos para a historia contemporánea de Galicia. Século XX (1999) e Castelao: Unha historia do nacionalismo galego (2000) e Javier Alonso Salgueiro, unha achega biográfica e documental (2014).

En 2014 publicou unha escola de artigos de prensa baixo o título de Daquí e dacolá. Follas voadeiras 2001-2014.

Dende 2014 mantén un blogue denominado Pé do Galiñeiro para recoller os seus artigos de prensa. Entre 2017 e 2018 fixo o exercicio de publicar un artigo diarios, 365, que difundiron o blogue que supera as 120.000 visitas.

Na actualidade colabora habitualmente e dende hai anos en diversos medios como A Peneira, Tempos Novos ou Novas do Eixo Atlántico e na revista Cousas así como en revistas de historia como Murguía ou de historia de educación como Sarmiento.

Estudou a represión franquista no sur da provincia de Pontevedra, nomeadamente no Val Miñor e Baixo Miño, sobre o que ten publicado unha gran cantidade de artigos en diversas publicación e libros colectivos. Campo sobre o que segue investigando.

En 1999 foi un dos impulsores do Instituto de Estudos Miñoranos do que foi director ata a súa dimisión en 2015.

Vinculado dende a súa época de estudante o nacionalismo galego; participou na fundación do BNG, en 1982, e foi membro do seu primeiro consello nacional así como na fundación de ANOVA e formou parte da súa primeira comisión executiva ata a súa dimisión en 2014.