O triunfo dálle as costas a Alberto Meira no Rallye Sur do Condado

Quinta proba do ano para o equipo AMF Motorsport, con Alberto Meira e José Murado máis motivados que nunca nun Rallye Sur do Condado que podía significar nada menos que a quinta vitoria consecutiva para o piloto de Vincios.

A xornada comezaba de maneira brillante, con Meira espremendo o Citroën DS3 R5 para anotarse os dous primeiros scratchs da proba, aínda que as diferenzas eran mínimas cos seus rivais. A partir da segunda sección as posibilidades de reeditar o triunfo de anos precedentes parecían ensombrecerse. Unha buxaina na segunda pasada por Ponteareas, cuxas consecuencias puideron ser peores, posto que o vehículo chegou a poñerse sobre dúas rodas, saldábase con 24 segundos cedidos.

Sempre sen renderse, Meira levaba o scratch no tramo das adegas e chegaba ao ecuador da proba con 16 segundos de desvantaxe. Unha renda que podería ser neutralizada grazas á picada dun dos seus rivais, pero o piloto de Gondomar sufría coa mecánica e cedía 34 segundos máis na primeira pasada de Salceda, debido a unha rotura. A terceira posición parecía sentenciada a falta da última sección, e aínda que Meira recortou a súa desvantaxe á metade en dous tramos, non puido saír dese último banzo do podio.

Sensación agridoce nas palabras de Alberto Meira: “Unha vez máis o ritmo era o apropiado para alcanzar o triunfo, pero un erro e unha avaría apartáronnos de calquera posibilidade. Correr en casa era especial e queriamos brindar a vitoria aos nosos patrocinadores, pero esta terá que esperar. Desde logo, en Santiago volveremos tentalo con todas as nosas forzas”.

Unha vez atravesado o punto medio do certame, Meira afiánzase na segunda posición a 227 puntos (netos) do liderado e con 1.015 puntos aínda en xogo os próximos rallyes serán claves na loita polo campionato galego, cuxa próxima parada é o Rali Botafumeiro.

Anuncios