As gondomareñas máis internacionais regresan a casa orgullosas da súa prata no Mundial

“É un gran orgullo para o municipio de Gondomar contar con estas magníficas deportistas que levan o nome da nosa localidade ata o máis alto”, manifestou o alcalde Paco Ferreira esta mañá no Porto, onde desprazouse para recibir ao Club de Patinaxe Artística de Gondomar, que este sábado proclamouse subcampión do mundo nos World Roller Games celebrados en Barcelona.

O rexedor acudiu acompañado polas responsables de Deportes e Turismo, Nuria Lameiro e Rocío Goberna, respectivamente, xunto aos pais e nais das patinadoras, que foron recibidas con aplausos e ao son de “campioas, campioas”.

Á fronte da expedición o presidente do Club e adestrador, David Figueroa, que recoñeceu que “aínda estamos a nos facer á idea, non somos conscientes de ser subcampioas do mundo”. Lembrou que o feito de actuar en segundo lugar “xogaba moito na nosa contra, e fíxonos empezar con certo pesimismo porque adoita ser sempre negativo”.

Aínda así apunta que “a lección que aprendemos é que nunca podes dar nada por perdido, que a toalla nunca se tira”, e proba diso é que lograron a prata no Mundial desta fin de semana.

As integrantes do Club de Patinaxe Artística de Gondomar chegaron este luns ao Porto desde Barcelona, onde se fixeron coa segunda posición nos World Roller Games, evento mundial que agrupa a todos os campionatos do mundo de todas as disciplinas de roller sports, que se celebrou no Palau de Sant Jordi, este pasado sábado.

As patinadoras de Gondomar puxeron en escena o seu espectáculo “Saint Mary” logrando unha puntuación de 128,20 puntos, superando con ela ao grupo italiano do Roma Roller Team, que acudía a Barcelona como vixente campión do mundo e que se viu superado polo equipo gondomareño, que se fixo coa prata relegando ás italianas ao terceiro posto do podio, ao que se subiu coa medalla de ouro o CP L’Aldea.

O Club de Patinaxe Artística de Gondomar suma así unha nova vitoria ao seu palmarés. Nos seus seis anos de historia conseguiu grandes logros como ser campioas de Galicia durante cinco anos consecutivos na modalidade de show ou ser as vixentes subcampioas de España e de Europa. Esta é a terceira vez consecutiva que o CPA Gondomar acode ao Mundial tras finalizar en sexta posición en China e en sétima en Francia.

Anuncios