O CPA Gondomar proclamouse este sábado subcampión do mundo de Artístico na modalidade de Grupos Pequenos, nos World Roller Games 2019 que este ano se celebran en España, concretamente en Barcelona. As patinadoras gondomareñas – Denis Alonso, Andrea López, Nerea Estévez, Alba Franco, Silvia Sanromán, Marta Pérez, Iria Boullosa, Noa Alonso e María Balboa – totalizaron 128,200 puntos co seu programa “Saint Mary”, un show baseado no aterrador Hospital St. Mary: “Encerrada e custodiada. Sometida mediante pastillas, cadeas e grilletes. St. Mary Psichiatric Hospital é o meu cadaleito”.
É o seu terceiro Campionato do Mundo, xa que as do CPA Gondomar, xunto co seu adestrador David Figueroa, xa fixeron historia acudindo a outros dous mundiais, hai dous anos en China e o ano pasado en Francia, sendo o seu último podio a prata conseguida hai uns meses en Italia. O club pasou á historia na súa modalidade por ser o único club galego en subir a un podio nacional. En 2017 sería a primeira vez que un club non catalán conseguise subir ao podio no Campionato de España, rompendo a hexemonía catalá na historia nacional en show.

