O PP de Nigrán critica o aumento de gasto nas retribucións do equipo de goberno

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ // Carlos Abal no pleno de investidura.

O Partido Popular de Nigrán critica nun comunicado que o primeiro que fixo o alcalde, Juan González, tras ser reelixido cunha esmagadora maioría absoluta, foi duplicar o gasto en salarios e retribucións dos concelleiros de goberno. “A política na súa esencia, significa velar polo ben común, non polo ben propio”, sinalan.

E segundo os populares fíxoo resolvendo “a cuadratura do círculo” cunha boa distribución dos 13 concelleiros “para que cada un teña unha retribución, que non se queixen, nin haxa malos rolos”. “Realmente conseguiu que sumando as indemnizacións por asistencia aos actos de goberno e os salarios queden todos contentos”.

Desde o PP destacan o aumento dun 86% do custo de retribucións aos concelleiros do goberno, a subida salarial do 13% aos concelleiros que xa tiñan dedicación exclusiva, o aumento do 33% no custo do persoal eventual e 108.700€ máis de gasto no conxunto das concellerías de Turismo, Xuventude, Igualdade e Terceira Idade, “oito veces máis que a anterior lexislatura para executar o mesmo orzamento”.

“A transparencia que proclamou, ao longo e ancho de todo o municipio, o noso alcalde, Sr. González, quedou ensombrecida na súa primeira actuación, o Sr. González, cun decretazo e sen ampararse nalgún informe motivado, aumentou o gasto de salarios e retribucións dos seus concelleiros ao seu gusto”, lamentan.

“A nosa proposta desde o Partido Popular sería non aumentar os salarios e fixar un límite de incremento de gasto dun 25%, fixar obxectivos por Concellería, apostar claramente por mellorar a transparencia e garantir que toda a información sexa pública e accesible desde a páxina web do Concello. Esiximos ao equipo de goberno que asuman e recollan esta proposta como mostra da súa responsabilidade. Se cada un somos escrupulosos cos nosos gastos canto máis o debemos ser co diñeiro dos contribuíntes”, conclúen os populares.