Carlos Cobos brilla na etapa raíña de Zamora

Sexto posto para Carlos Cobos na cuarta e penúltima xornada da Volta a Zamora. O estremeño do Vigo-Rías Baixas pelexou polo triunfo na etapa raíña e obtivo como recompensa unha praza no Top-10 da xeral. Situouse na oitava posición, xusto por diante do seu compañeiro de equipo Samuel Blanco. Julián Barrientos, novo líder das Metas Volantes, deu presenza á entidade presidida por José Luis Chamorro no podio de As Hedradas

A penúltima etapa da rolda zamorana afai ser unha das xornadas máis duras do calendario Elite e Sub23 español. Coa calor como habitual convidado de excepción, nesta ocasión os corredores tiñan que ascender cinco portos de montaña (un de 1ª categoría, un de 2ª e tres de 3ª) en 134 quilómetros de percorrido.

O ciclista máis combativo desta volta está a ser Barrientos e o arxentino non tardou en pasar ao ataque unha vez que se deu a saída en Muelas de los Caballeros. O pupilo de Iván Rodríguez pasou na cabeza pola Meta Volante de Mombuey, km 15, e os tres puntos sumados permitíronlle asaltar o primeiro posto desta clasificación complementaria. Agora lidéraa cun punto de vantaxe sobre Leángel Linárez (Kuota).

Despois desa fuga inicial, callou unha escapada de sete unidades sen representación da estrutura flúor. Este grupo de aventureiros foi absorbido a falta de 30 km e as hostilidades desatáronse no porto de 1ª categoría da Canda. Pola súa cima Cobos coroou en segunda posición, acompañado por Alejandro Ropero (Kometa) e o líder da xeral Iván Moreno (Lizarte).

No descenso conectaron coa cabeza de carreira outros tres ciclistas e a vitoria de etapa decidiuse na subida final ao “muro” de As Hedradas, con ramplas do 15%. Ropero foi o máis forte neste porto de 3ª categoría e Cobos terminou sexto a 30 segundos do gañador. Samuel Blanco entrou a 26″ do estremeño e na xeral os dous xefes de filas do Vigo-Rías Baixas aparecen entre os dez primeiros.

A 36ª Volta a Zamora concluirá este sábado cun trazado de 125 km entre Moraleja del Vino e a capital da provincia. As tres ascensións puntuables, todas de 3ª, concéntranse no tramo final da etapa.