Barrientos vístese de líder da Montaña en Zamora

Ao termo da segunda xornada da Volta a Zamora o arxentino Julián Barrientos subiu ao podio para enfundarse a camisola de líder da montaña e se nesta rolda houbese premio da combatividade tamén llo levou. O corredor elite do Vigo-Rías Baixas estivo presente en varias escapadas e unha picada frustrou a menos de 30 quilómetros para a meta unha cabalgada súa en solitario. Catro corredores da estrutura presidida por José Luis Chamorro terminaron a etapa co mesmo tempo que o gañador ao sprint en Cabanas de Sayago.

Na primeira fuga do día xa estivo presente Barrientos. Este intento formouse no km 11, pero o ritmo do pelotón anulouno antes de alcanzar o km 20. O arxentino reapareceu na cabeza no ecuador dos 141 quilómetros de percorrido e polo Alto de Corrales del Vino, de 3ª categoría no km 102, pasou na cabeza xunto a Sergio Torres (Ginestar) e cuns segundos de vantaxe respecto ao resto de escapados.

Dez corredores integraron esta aventura que chegou a gozar de 2 minutos de marxe sobre o pelotón. No alto de Valparaíso, de 3ª categoría no km 113, repetiuse a orde de paso do anterior porto. A continuación, Barrientos probou fortuna de forma individual e á altura do km 117 sufriu unha picada que o reintegrou no grupo principal.

No día dos arxentinos Tomás Contte (Mutua Levante) impuxo a súa punta de velocidade nunha chegada masiva. Carlos Cobos (19º), Jorge González (22º), Samuel Blanco (29º) e Barrientos (66º) entraron no pelotón. Non hai cambios na xeral e os xefes de filas do Vigo-Rías Baixas continúan a 50 segundos dos ciclistas do Lizarte que dominaron a contrarreloxo por equipos inaugural.

Barrientos lidera a Montaña con 6 puntos, dous máis que Torres. Este xoves defenderá o seu primeiro posto nas tres ascensións puntuables, dúas de 2ª categoría, do 135 km entre San Mamede e Rabanales. Será un contacto coa media montaña na véspera da etapa raíña.