Baiona presenta o seu calendario de visitas guiadas gratuítas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo que dirixe Carlos Gómez, organiza diversas visitas guiadas gratuítas durante o verán. Aos percorridos xa habituais polo centro histórico e Camiño Portugués da Costa únense dous roteiros guiados polo alumnado-traballador/a de o Obradoiro “Valmiemprega III”-Promoción turística local e información al visitante.

O calendario de visitas comezará o vindeiro xoves, 18 de xullo, co roteiro “Xoves non Camiño” que discorre polo tramo do Camiño Portugués da Costa, comprendido entre a Praza de Santa Liberata e a Praza Vitoria Cadaval (Sabarís), terminando na igrexa de Santa Cristina. A saída será ás 10:00 horas desde a Oficina de Turismo de Baiona. Este roteiro repetirase os días 1, 15 e 29 de agosto.

O sábado 20 de xullo, ás 11:00 horas, comezarán as habituais visitas polo Centro Histórico que se realizan para poñer en valor e dar a coñecer o gran potencial patrimonial e histórico da Vila. Este roteiro volverase a realizar o sábado 27 de xullo e todos os mércores e sábados do mes de agosto.

Ambas as dúas visitas serán guiadas por unha Guía Oficial habilitada pola Xunta de Galicia, como vén sendo habitual.

Ademais, como novidade, este ano realízanse dúas visitas máis: unha polo Paseo Monte Boi e outra pola Baiona Mariñeira, en colaboración co Obradoiro “ Valmiemprega III”-Promoción turística local e información ao visitante.

A primeira terá lugar o martes, 23 de xullo, ás 11:00 h. Saíndo desde a oficina de turismo realizarase un roteiro histórico e paisaxístico polo percorrido completo do paseo Monte Boi, desde a entrada á Fortaleza de Monterreal ata a praia da Concheira.

O roteiro pola Baiona Mariñeira será o luns, 29 de xullo, á mesma hora e percorrerase o paseo marítimo, desde a lonxa, ata o Paseo Pinzón.

Todas as visitas requiren inscrición previa na Oficina de Turismo (986 68 70 67; oficinadeturismo@baiona.org) xa que dispoñen dun límite de prazas.

Anuncios