Alberto Meira, en busca da súa quinta vitoria consecutiva no Sur do Condado

A quinta cita do Campionato Galego de Rallyes chega no mellor momento de forma de Alberto Meira no que vai de ano sendo ademais a súa proba fetiche, o Rallye Sur do Condado, que gañou en nada menos que seis ocasións, levándose as catro últimas edicións de maneira consecutiva. Sen dúbida é o momento perfecto para que Meira, José Murado e o Citroën DS3 R5 logren por fin a primeira vitoria en chan galego, que se veu escapando nas dúas últimas probas por escasa marxe.

Tras dúas segundas posicións no Rías Baixas e Narón, o piloto de Vincios está disposto a non deixarse nada no tinteiro para alzarse coa primeira posición, nun rallye a priori caloroso e seco como en anos anteriores pero onde as ameazas de tormentas poden supoñer que a elección entre os compostos que ofrece Pirelli sexa a clave para erixirse no chanzo máis alto do podio.

O piloto gondomarense chega a Salvaterra coa moral moi alta: “O ’Suco’ é un rallye que se presenta moi emocionante, nos dous últimos rallyes estivemos moi preto do triunfo e esperamos resarcirnos. É a penúltima proba de coeficiente 8 que queda así que é moi importante sumar puntos de fronte ao campionato para manter todas as posibilidades na recta final da tempada”.

A Escudería Suco trazou un percorrido co esquema clásico de catro especiais a dobre pasada que se disputarán ao longo da xornada de sábado: Covelo, Ponteareas, Salvaterra e Salceda formarán o groso da proba mentres que marcando o ecuador do rallye disputarase a gran novidade, un curto tramo de pouco máis dun quilómetro ao que se darán dúas voltas e que percorrerá estreitas zonas de viñedo. Unha especial atípica pero que sen dúbida ofrece variedade e promete ser espectacular en imaxes.

Anuncios