A Confraría de Baiona homenaxeará este domingo a Manuel Pousa e Lucita Fernández

Con motivo da celebración das festas da Virxe do Carme, organizadas pola Confraría de Pescadores “La Anunciada” de Baiona, o vindeiro domingo realizarase o tradicional recoñecemento ao mariñeiro de máis idade e á mariscadora máis veterana do municipio, que nesta ocasión, serán Manuel Pousa Lamas coñecido como “Sirolas”, e Lucita Fernández Portela.

A homenaxe será ao finalizar a Misa de Campaña na honra da Virxe do Carme que se celebrará ás 17:00 horas na zona portuaria. Despois, os membros da Danza das Espadas dedicaranlle a ambos o tradicional baile, e a continuación terá lugar a Procesión Marítima. Finalmente, a imaxe da Virxe do Carme será trasladada á Capela da Misericordia, acompañada no percorrido pola Banda de Música de Baiona.

Manuel Pousa Lamas “Sirolas”

Manuel Pousa Lamas nace o 6 de abril de 1932 en Baiona. Fillo de Maximino e Teresa, é o maior de 8 irmáns. Comeza ao mar con 9 anos en 1941 co seu pai na gamela “Cruceiro”, á faneca, o ollomol ou o congro. En 1971 traballa en barcos de carga e petroleiro en Alemaña, o “Bomin”, “Anja” e “Lucy Borchard”, nos mares de Rusia. No petroleiro “Bomin” viviu un incendio, que calcinou todo o buque, tras ser alcanzados no Báltico por outro barco. Aínda que foron momentos “moi duros”, os máis de 20 tripulantes saltaron á auga en dous botes, sen ter que lamentar ningunha desgraza.

A finais dos 70, cando regresa a España, compra a gamela “Mami Blu” e traballa por Baiona, ao palangre e ás redes, ao congro, ao pancho… vendendo todas as capturas na Lonxa de Vigo. En 1982 fai unha embarcación, a “Eloy”, na que traballa en Baiona xunto con outros 3 mariñeiros ao congro co palangre, na que se xubila. Agora gústalle pasear e achegarse aos portos do Burgo e Baiona, para charlar cos seus antigos compañeiros do mar.

Lucita Fernández Portela “Lucita”

Lucita Fernández Portela “Lucita” nace no Viso, na parroquia nigranesa de San Pedro da Ramallosa, o 7 de novembro de 1927. É a cuarta de 6 irmáns. Comeza a mariscar na Foz do Miñor con 11 anos, aínda que ao longo da súa vida tamén traballou nas zonas de Baiona, O Burgo, Praia América e mesmo a desembocadura do Lagares, en Vigo, colleitando ameixa, berberecho, croque… Un camión recollía o marisco e trasladábao a Vigo, onde contaba con múltiples compradores.

Con 17 anos casa con Joaquín Martínez Hermida, que foi Patrón Maior da Confraría de Baiona a principios dos anos 80. Ten 3 fillos. O segundo deles estivo a piques de nacer na gamela do seu marido. Lucita manexaba os remos da embarcación cando comezou a ter as dores do parto, polo que tivo que regresar a terra para dar a luz na súa casa, coa axuda dunha cuñada e unha veciña.

Lucita foi a primeira presidenta das mariscadoras da Confraría de Baiona nos anos 70, década na que había rexistradas unhas 300 mariscadoras. Nos 90, e coa axuda da Consellería, forma unha cooperativa cun grupo de mariscadoras para a explotación dunhas bateas de ostra na baía de Baiona. Para a súa posta en marcha, foron buscar as ostras a Francia. Lucita lembra con rabia que as bateas foron saboteadas, “cortáronlle as cordas”.

Viviu sempre na contorna da Foz, ata que se xubilou aos 64 anos. Agora vive coa súa neta, o marido desta e a súa bisneta Maika, que cumpre 3 anos o próximo mes de agosto.

Anuncios