Sin categoría

Pallasos en Rebeldía leva á escena en Baiona “O Valo”, unha obra sobre os refuxiados

O “Baiverán 2019” continúa este mércores 10 de xullo co arranque do ciclo “Baioteatro”. Pallasos en Rebeldía levará á escena nos Xardíns da Casa da Navegación ás 21:30 horas “O Valo”, un texto teatral sobre as persoas refuxiadas. Fala do encontro de dous mundos, dúas realidades, dúas consciencias encarnadas en dous personaxes ben distintos: O Soldadiño de Chumbo e Sahara, a rosa do deserto. Un encontro a ambos os dous lados dunha fronteira que non só separa a civilización do baleiro, senón que abre unha ferida no corazón da humanidade. Dous personaxes encarnados por Fran Rei e Saleta Fernández, coa dirección e Iván Prado, escenifican esta historia que ten por protagonista real unha fronteira. Un valo.

A partir do marabilloso de Carlos Labraña, merecedor do IX Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, “O Valo” contrapón dous mundos: fronte ao pensamento patético e torpe do Soldadiño de Chumbo, que obedece ordes dos seus superiores desde a fe cega no que sempre lle dixeron que tiña que facer, oponse a sensibilidade de Sahara, unha rapaza que foxe da guerra e que recibiu tantos paus na vida que xa poucas cousas poden detela. A forza e a dignidade desta nena refuxiada farán reflexionar ao público en contraste co soldado, cuxo corazón se debate entre a obediencia, que mesmo lle pode levar a matar en nome dunha patria, e a fraternidade que o impulsa a romper todos os valos.