O vindeiro sábado 20 de xullo Baiona celebra a décimo primeira edición da Subida Cicloturista A Groba, organizada pola Concellería de Deportes. A proba é de carácter ciclo turista – ciclo deportiva de marcado carácter popular, de curta distancia pero de duro percorrido, 11 km. cun desnivel de 620 m. e unha porcentaxe de 5,6%.
As categorías participantes son Júnior (2000-2001-2002-2003-2004), Sénior (1999 ata 1979), Veteranos anteriores a 1978 e Censados en Baiona, todas elas tanto masculinas como femininas. A idade mínima para participar establécese nos 15 anos (2004). Os participantes menores de idade requiren dunha autorización dun titor responsable para a súa inscrición.
Haberá trofeos para os gañadores absolutos masculino e feminino e para os tres primeiros clasificados de cada categoría, para o participante de maior idade e o máis novo, para o primeiro baionés e baionesa e ao gañador por equipos.
A saída da proba será ás 11:00 horas desde o Pavillón Municipal, sendo neutralizada cun percorrido de quecemento ata a rotonda de Baredo e volta. A saída oficial será á altura da Virxe da Roca. Para participar é obrigatorio o uso de casco protector e dunha bicicleta non eléctrica.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de xullo ás 12:00 horas e ten un custo de 5 euros. As inscricións poden realizarse a través da plataforma www.championchipnorte.com ou fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona ou a través do correo deportes@baiona.org. O prezo inclúe camiseta conmemorativa, seguro de accidentes e bolsa de avituallamento.
O número de prazas é limitado, polo que se realizará en rigorosa orde de inscrición. Hai que realizar o ingreso na conta de laCaixa do Concello de Baiona ES20-2100-1821-6802-000000539 e entregar o xustificante acompañado da folla de inscrición nas oficinas do Pavillón de Deportes, ou envialo a través do correo deportes@baiona.org especificando no concepto Subida á Groba e o nome do participante.
Os dorsais serán entregados aos participantes o mesmo día 20 de xullo desde as 9:30 ata as 10:45 da mañá no Pavillón Municipal de Deportes.

