Inscricións abertas para a XII Baixada de Carros de Bólas de Camos

O Concello de Nigrán e a Asociación Eixotolo organizan os próximos días 10 e 11 de agosto a XII Baixada de Carros de Bólas na parroquia de Camos, Copa Open de España, evento para o cal están abertas as inscricións a través do teléfono 648 023 014, enviando un WhatsApp antes do día 5. É obrigatorio o uso de casco, codeiras, xeonlleiras e contar con sistema de freado. É tamén requisito indispensable que as rodas sexan rodamentos de aceiro.

A tradicional baixada de carros de bólas na parroquia de Camos foi recuperada fai catro anos polo Centro Cultural A Camoesa, o Concello de Nigrán e Eixotolo tras máis dunha década sen celebrarse. Nesta ocasión o evento deportivo comezará o sábado día 10 coas verificacións ás 19:00 horas e as probas de adestramento ás 21:00 horas. Ás 17:00 horas haberá unha proba de correpasillos para nenos e nenas de 2 a 5 anos e ás 23:00 horas un concerto de música rock.

Xa o domingo, día 11, disputaranse as probas clasificatorias desde as 10:00 da mañá. Haberá trofeos para os federados e premios ao máis elaborado, ao máis rudimentario e ao golpe máis espectacular para os libres, cuxa inscrición terá un custo de 6 euros. Os participantes menores de idade deberán levar autorización asinada polo pai/nai/titor con fotocopia do DNI de ambos. Poderanse inscribir un máximo de 20 triciclos libres.