Sin categoría

Nigrán reunirá a preto de 500 nadadores de sete países na IX travesía a nado Costa Serena

Preto de 500 nadadores de 7 comunidades autónomas (Galicia, Asturias, País Vasco, Castela-León, Madrid, Andalucía e Cataluña), Italia, Alemaña, Venezuela, Arxentina, Emiratos Árabes Unidos e unha importante representación de Portugal, con idades comprendidas entre os 5 e 71 anos, participarán este domingo na IX edición da Travesía a nado Costa Serena, en Nigrán. Esta travesía consolídase como a proba popular con maior participación de toda Galicia.

Entre os nadadores destaca a participación de varios triatletas do Centro de Tecnificación Deportiva de Pontevedra como a venezolana Joselyn Brea, o árabe Faris Alzaabi, o compostelán Vicente Pérez Soloviev e as irmás Inés e Carla Castaño. Estarán acompañados na proba raíña de 4.000 metros polo seu adestrador, Omar González. Tamén participarán neste percorrido o segundo clasificado o pasado ano na categoría masculina, o ourensán Marcos Vila Cid, e a gañadora en mulleres, Cristina García Marín.

Durante a travesía disputaranse tres probas de 4.000, 2.700 e 800 metros. Os tres percorridos serán cronometrados por chip. O percorrido longo, no que se prevé unha participación de preto de 300 persoas, consistirá nun triángulo de 4 quilómetros con saída desde a canle principal de saída e entrada das embarcacións e a chegada á beira do posto de Protección Civil de Panxón.

Os nadadores deberán bordear a baliza de Cabezo de San Juan, situada a 1,5 quilómetros de distancia, regresar cara á costa polo lado sur da praia e percorrer o último quilómetro en paralelo ao areal.

O percorrido de 2.700 metros, que terá o mesmo punto de saída que a proba de 4.000 metros, consistirá en ir ata a baliza de Cabezo de San Juan, bordeala e regresar ao momento de meta polo lado dereito.

Na proba de 800 metros, que se disputará en paralelo á costa, a saída estará situada tamén na canle principal e a chegada será no mesmo punto que as probas de 4.000 e 2.700 metros.

A competición de 4.000 metros comezará ás 11:30 horas, a de 2.700 metros ás 11:50 horas, mentres que a de 800 metros arrancará ás 12:00 horas. No mar, colocaranse boias de sinalización do percorrido para facilitar a orientación dos nadadores, así como embarcacións de Protección Civil do Val Miñor e Vigo, kaiaks e pádel surf seguindo a proba.

Ademais celebraranse dúas probas de curta distancia para nenos entre 5 e 13 anos. Haberá un percorrido de 50 metros (5 e 8 anos) e de 150 (9 a 13 anos). Estas probas comezarán ás 13:00 horas (50 metros) e 13:30 horas (150 metros) e participarán máis de 50 nenos.

A travesía, organizada polo club deportivo Tumetapersonal, Atlantic Extrem Sports e o Concello de Nigrán, conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra, Abanca, Marine Instruments, o concesionario Hyundai Hyupersa Vigo e o Centro Comercial da Ramallosa. Tamén colaboran a Secretaría Xeral para o Deporte, Powerade, Frutas Sol, Arena, Zoggs, Náutico de Panxón, Decathlon Vigo, Froiz, Wetsports Ladeira, Prado Surf, Valmiñor Ébano, Waira, Kailúa, Ángel Leirós Motos, Clubnatacion.com, Ciclos Boyer Vigo, Rosquillas Cristaleiro e La Pintora, entre outros.

Actividades paralelas

Entre as actividades paralelas previstas destaca a participación do ximnasio Plaza Fitness de Nigrán, que estará a animar ao público asistente en Praia América cunha master class de zumba a cargo da monitora Ana Freire. Ademais, haberá un concerto ao finalizar a travesía nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar do grupo vigués The Twinpims, así como sorteo de agasallos e aperitivo para todos os nadadores.

Colaboración co Centro Juan María

A organización contará por segundo ano co apoio do Centro Juan María de Nigrán coa participación de alumnos e profesionais que colaborarán no avituallamento e a entrega de medallas aos nenos. O obxectivo é dar visibilidade ás persoas que teñen algún tipo de incapacidade intelectual e lograr a súa plena integración na sociedade.

56 premios en total

Na probas de 800 e 2.700 metros, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina. Na proba de 4.000 metros tamén se darán premios aos tres primeiros clasificados absolutos da categoría masculina e feminina e ademais repartiranse medallas aos tres primeiros clasificados das 12 categorías da proba raíña. Os nenos que participarán nos percorridos de 50 e 150 metros recibirán unha medalla. Así mesmo entregaranse trofeos especiais ao nadador máis novo e de máis idade. Na entrega de premios tamén participarán a firma Zoggs, que entregará lentes aos gañadores, e a adega Adegas Valmiñor, do Rosal, que colaborará con 18 botellas de viño branco para os tres primeiros clasificados das tres probas (4.000, 2.700 e 800 metros).

A entrega de premios será a partir das 14:30 horas nas instalacións deportivas Dunas de Gaifar coa participación do alcalde e o concelleiro de Deportes de Nigrán, Juan González e José Luis Sanromán, respectivamente. Tamén asistirá Patricia Martínez, en representación de Adegas Val Miñor.