Sin categoría

Gondomar celebra este domingo a súa festa máis doce e redonda

O municipio de Gondomar acolle este próximo domingo, día 7 de xullo, unha nova edición da Festa da Rosquilla, organizada pola Concellería de Cultura, na que o delegado do Consorcio da Zona Franca de Vigo, David Regades, será distinguido co nomeamento de “Rosquilleiro Maior”.

A Praza de San Bieito será por terceiro ano consecutivo o escenario que acollerá esta celebración, unha tradición que recuperou o actual goberno local, dirixido por Paco Ferreira, tras anos sen organizarse. Como nas edicións previas, irá acompañada dun programa de actos paralelos onde ademais das rosquillas poderase gozar de música e actividades para grandes e pequenos durante toda a xornada.

A festa arrancará ás 12:00 do mediodía coa lectura do pregón por parte de Tania Fuegho, cantante e compositora, integrante do xurado do popular programa “Recantos” da TVG. A continuación procederase ao nomeamento do “Rosquilleiro Maior”, distinción que este ano recaerá sobre o delegado da Zona Franca de Vigo, David Regades.

Máis de 3.000 paquetes de rosquillas esperan ser degustados este domingo polos visitantes e cidadáns que se acheguen a Gondomar, que poderán adquirilas ao prezo popular de dous euros por bandexa xunto a unha cunca conmemorativa con viño ou auga.

Coincidindo coa celebración deste evento, un ano máis se procederá a renovar o irmandamento que existe coa vila portuguesa de Gondomar, cidade pertencente ao Distrito do Porto, e á comunidade intermunicipal de Gran Área Metropolitana do Porto, con máis de 178.000 habitantes.

O municipio portugués estará representado polo presidente da Cámara Municipal, Marco Martíns, que xunto ao rexedor do municipio anfitrión, Paco Ferreira, participarán nun acto institucional no que estarán acompañados por autoridades locais, representantes da Deputación Provincial de Pontevedra e entidades sociais, culturais e deportivas da vila do Val Miñor, amenizado pola Banda da Agrupación Musical de Vincios.