Baiona acollerá o luns a presentación das Xeiras do IEM 2019

O vindeiro luns 8 de xullo ás 18:30 horas, presentaranse as Xeiras do IEM 2019 en colaboración cos Concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar e Tomiño nun acto que se celebrará na Capitanía Marítima de Baiona. Son doce visitas guiadas e dirixidas por especialistas no tema da visita, de interese histórico, artístico, natural e paisaxístico, que se realizarán nos meses de xullo e agosto. Sete especialistas conducirán as xeiras e conferencias: Anxo Rodríguez Lemos, Antonio Soliño Troncoso, Xosé Ramón García Martínez, Xilberte Manso de la Torre, Xosé Lois Vilar Pedreira, Carlos Méixome Quinteiro e Eduardo Méndez Quintas.

Serán tres xeiras en Gondomar: “Agua da Laxe: Unha nova lectura” (conferencia e xeira), “Camiño da Nosa Señora do Norte. De Gondomar a Vilaza” e “A vila do século XIX”. Tres en Nigrán: “Paseo fluvial e toque de campás en Parada”, “Retallos de historia, etnografía e arquitectura” e unha xeira nocturna “Polo mar de Panxón”. Tres xeiras en Baiona: “Paisaxes imaxinadas dende o Monte Real de Baiona”, “Polos cumes da Groba.O hábitat do último cabalo salvaxe do mundo”, unha xeira nocturna “Polo mar de Baiona. Toponimia, talasonimia e naufraxios” e tres conferencias neste concello, “Os primeiros tempos da Humanidade”, “Baiona 1936”, “Os tempos na Colexiata de Santa María de Baiona”.

E por último tres xeiras en Tomiño: “As pegadas na paisaxe. Ouro toponimia, mámoas e garranos”, “O monte Tetón. Avances na investigación” (conferencia e visita), “O Camiño da Nosa Señora do Norte. Ollando cara a Tebra”.

Para as dúas xeiras marítimas será necesaria inscrición previa e pago. A duración media das xeiras, que comezaron este xoves 4 de xullo, é de 3:00 a 3:30 horas. Este ano, ao igual que o anterior, incorpóranse ás xeiras dúas persoas intérpretes en lingua de signos, favorecendo así a inclusión social deste colectivo e o seu achegamento ao patrimonio do Val Miñor e Baixo Miño.

Anuncios