O CB Nigrán inicia o luns o seu tradicional campus de baloncesto con novas actividades

O campus de baloncesto que o CB Nigrán organiza desde hai xa uns anos coa colaboración do Concello de Nigrán comezará o vindeiro luns e desenvolverase no Pavillón Municipal de Panxón do 8 ao 12 de xullo. Ao campus asistirán adestradores nacionais de baloncesto con ampla experiencia ademais de profesores e monitores titulados que desenvolverán diferentes actividades que tiveron gran aceptación en anos anteriores como baloncesto, experimentos, primeiros auxilios, praia, gap, ou xogos populares.

Como novidade este ano o campus organiza outras actividades como xeometría divertida levada a cabo por Javier Martínez Torres, Profesor da Escola Superior de Enxeñería e Tecnoloxía e Director do Grao en Matemáticas Computacionais, ou a actividade de multideporte, que se desenvolverá nun dos centros educativos de Nigrán que cede as súas instalacións e o material adecuado para levala a cabo.

Outra das novidades este ano é a creación dunha zona que se habilitará no propio pavillón, dedicada a actividades de lecer e tempo libre onde os nenos e nenas poderán participar ao longo de todo o campus e onde poderán demostrar todas as súas destrezas.

Un ano máis o campus foi un éxito de participación e en pouco máis dunha semana cubríronse todas as prazas que se ofertaban. O Concello regalará a cada neno participante unha camiseta deportiva e achegará a merenda a media mañá (bocadillo, peza de froita e auga).

Anuncios