O goberno de Nigrán manterá tres dedicacións exclusivas e creará catro parciais

O Concello de Nigrán celebrará este xoves ás 13:00 horas o seu pleno de organización, onde o goberno de Juan González propoñerá manter as tres dedicacións exclusivas coas que xa contaba e engadir catro parciais despois de que o seu número de edís ascendese nas pasadas eleccións de 7 a 13, conformando a corporación un total de 17 concelleiros (4 corresponden ao PP).

O alcalde, que xa non ostentará o cargo de deputado provincial polo que ata agora cobraba, pasará a ter unha dedicación exclusiva por parte do Concello de Nigrán cun salario de 45.000 €/ano, ademais, asumirá a área de Contratación e a nova Concellería de ‘Axenda 2030- Obxectivos de Desenvolvemento Sostible’, unha das premisas máis importantes na que traballa o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade que González preside. «Dende o goberno local sí podemos contribuír a acadar no noso territorio estes obxectivos de desenvolvemento sostible aprobados pola asamblea xeral da ONU, e por iso considero esta nova concellería fundamental no ‘Nigrán para todos’ que estamos a construír», indica.

Pola súa banda, Raquel Giráldez, nova deputada provincial, será quen perciba agora o salario deste organismo, polo que deixará de ter dedicación por parte do Concello e levará igualmente Economía, Facenda e Emprego. Así mesmo, Rubén Rial e Diego García, manterán as súas dedicacións exclusivas con 36.000 €/ano e tamén as mesmas áreas (Urbanismo, Medio Ambiente e Mobilidade, Réxime Interior e Persoal Diego García e Vías e Obras, Servizos Urbanos e Seguridade, Rubén Rial). A maiores, Rial, anterior segundo tenente de alcalde e Secretario Xeral do PSOE de Nigrán, asumirá agora a tenencia de Alcaldía, sendo para Marina Vidal (nova concelleira de Educación) a segunda tenencia. Como novidade, engádense 4 dedicacións parciais con 18.000 €/ano e os seis edís restantes levarán diferentes áreas pero sen ter dedicación.

«Tiñamos dereito a ter 7 dedicacións exclusivas ao acadar 13 concelleiros, pero consideramos que estes catro anos funcionamos ben e imos repetir a fórmula engadindo catro dedicacións parciais», indica González, quen destaca que conta cun equipo de persoas «que veñen á política a contribuír na construción dun mellor Nigrán para todos, cuestión que ninguén dubida pola súa traxectoria en diferentes asociacións do municipio». Así, o total dos 13 concelleiros terán áreas de responsabilidade e levarán areas novas como Terceira Idade, Medio Rural e Actividades Marítimas, Voluntariado, Educación e Deportes divídense en sendas concellerías…

Os catro edís con dedicacións parciais serán Bibiana Peixoto (Servizos Sociais); Cristina Dosil (Xuventude, Turismo e Participación Cidadá); Patricia Diego (Igualdade, Voluntariado e Comercio); e María Mayán (Terceira Idade). A maiores e sen dedicación, Nuria Lorenzo levará Cultura; José Luis Sanromán repite en Deportes; Alfonso Vázquez continúa tamén en Sanidade, Abastos, Mercados, Turismo Social e Festexos Populares; Marina Vidal en Educación; e Ladislao Alonso asume Relacións Veciñais, Medio Rural e Actividades Marítimas.

Pola súa banda, a Xunta de Goberno Local estará composta por Rubén Rial, Nuria Lorenzo, José Luis Sanromán, Alfonso Vázquez e Marina Vidal. O goberno propoñerá 150 € por asistencia a plenos, xuntas de goberno e comisións informativas (as persoas con dedicacións non perciben retribución por estas cuestións).

Como novidade, os plenos pasarán a celebrarse os últimos luns de mes ás 12:00 horas. «Despois de 8 anos con plenos ás 20:00 horas temos comprobado que ese horario non propiciaba a asistencia de máis xente e, pola contra, dificultaba o traballo dos medios que querían asistir para cubrilo e informar á cidadanía. En casos puntuais (temas como PXOM, Modificación das Normas…) propoñerase á corporación a súa realización no Auditorio Municipal e no horario que todos consideremos máis favorable», subliña González.