O Concello de Gondomar ofrece a charla «Como lle falo diso? Aprendendo a abordar a educación sexual das crianzas», enmarcada dentro do ciclo de charlas-obradoiros da Concellería de Igualdade dirixida por Nuria Lameiro, a través do Centro de Información á Muller. Terá lugar o venres 5 de xullo no Centro Neural ás 19:00 horas e correrá a cargo de Martina González Veiga, psicóloga, sexóloga e sanitaria especializada en intervención e acompañamento psicolóxico en diversidade sexual e de xénero ademais de terapeuta de parella.
O obxectivo principal desta charla-obradoiro é facilitar a toma de conciencia de familias e profesionais de que é imposible non educar e que o silencio tamén educa. A educación sexual comeza dende a infancia e ten que ver con aspectos tan importantes como a autoestima, os afectos, o autocoñecemento, a comunicación, as relacións e os vínculos que establecemos cos demais, os roles, o xénero, a diversidade sexual, o pracer ou o consentimento. Polo que non so ten en conta a dimensión biolóxica, senón tamén a psicoloxía, a social e cultural. Os asistentes verán de que se fala realmente cando se fala de sexualidade, do sexo que somos, do que temos e do que facemos.
A entrada é de balde ata completar aforo, polo que non é necesario facer unha inscrición previa.

