Sin categoría

Baiona abre o proceso para contratar un axente para o aparcamento do Aral

O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, xunto co concelleiro delegado de Seguridade, Óscar Martínez, están a estudar as melloras que en breve esperan poñer en funcionamento no aparcadoiro do Aral. De momento, o aparcamento ten que rexerse baixo a ordenanza en vigor, cun horario de apertura ao público de 7 a 23 horas todos os días, e que ata o 11 de setembro deixou de ofrecer a hora gratuíta para os usuarios.

Estes días ofertouse a contratación de persoal para poder manter aberto o mesmo durante as 24 horas do día. Prevese que en aproximadamente 2 semanas poida estar operativo este horario de verán, ata o 10 de setembro. Mentres tanto, para ofrecer un mellor servizo aos veciños, a hora de peche da fin de semana (venres e sábado) pasará das 23:00 ás 03:00.

O rexedor apuntou que, paralelamente a esta ampliación de horario, o equipo de goberno tratará de mellorar a oferta do aparcamento e revisará a ordenanza co fin dun aumento de calidade de zonas de aparcamento para veciños e turistas, pois de todos é coñecido que é unha das carencias máis importantes que presenta Baiona e que se incrementa en época estival.

Doutra banda, o concelleiro de Seguridade e encargado da xestión do aparcadoiro municipal, indicou que se desenvolverá un estudo económico en base aos datos existentes co fin de realizar as máximas bonificacións posibles, que repercutan tanto nas prazas rotacionais como naquelas destinadas a abonados.