O Alcalde de Baiona, Carlos Gómez, asinou este martes un convenio co Secretario Xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, que redundará na instalación dun equipo de megafonía no Pavillón de Deportes. O Alcalde valorou a importancia da firma deste convenio xa que esta aposta beneficiará aos colectivos deportivos e a área de deportes que alí realicen as súas actividades. Ademais, agradeceu á Xunta de Galicia, e en concreto ao Secretario Xeral para o Deporte, que vaia a realizar este investimento.
Pola súa banda, o Secretario Xeral comentou que o custo total do sistema é de 15.941,38 euros e mostrouse moi satisfeito, xa que con este convenio o Pavillón de Deportes gozará dunha acústica adecuada.
Miriam Costas, a concelleira de Deportes, indicou a este respecto que o Pavillón carecía de equipo de megafonía e ata agora utilizábase o equipo de son do propio Concello, que non era o adecuado para estas instalacións, e destaca que “temos unha aposta incondicional polo deporte e polas instalacións deportivas”.
O ximnasio municipal, inaugurado hai máis de 20 anos, é unha instalación referente para a vida deportiva, social e cultural da Vila de Baiona. Conta cun amplo volume de utilización, cun rexistro de preto dos 900 socios, e uso diario de 250 persoas, ademais do uso por parte dos diferentes clubs deportivos, que pode roldar unhas 6.000 persoas ao mes.
Está dotado dunha pista de pádel, unha sala de usos múltiples, un amplo ximnasio con polo menos 35 máquinas diferentes, pesas e bancos, que permiten a práctica deportiva de maneira simultánea a 70 persoas, ademais das canchas de basket, pista deportiva, oficinas, almacén… sendo ademais unha das instalacións deportivas máis económicas de toda Galicia.

