Nigrán, un dos escenarios da nova serie galego-portuguesa da TVG “Verán M”

A Televisión de Galicia entra esta noite de cheo na estación estival coa estrea da serie ‘Verán M’, unha aposta fresca, enmarcada no xénero de aventuras e dirixida a toda a familia, que ten como punto de inspiración a mítica serie ‘Verano Azul’. As tramas desta ficción, coproducida pola TVG e a televisión pública portuguesa, transcorren durante o verán na praia lusa de Moledo, en Caminha, ao carón do Monte de Santa Tegra.

‘Verán M’ ten todos os ingredientes para atrapar os espectadores desde o primeiro capítulo. A través de historias humanas conmovedoras, reavivará as lembranzas das vacacións de verán que son comúns a toda a audiencia, cun fermoso escenario de fondo, como é a Foz do Minho. A serie conta entre as súas localizacións co Pazo de Urzáiz e Nigrán, vila do sur de Galicia. Ademais, o grupo galego The Furious Monkey House pon a súa nota musical co tema ‘Run’.

Cómpre salientar que ‘Verán M’ conta, entre o elenco principal, coa participación dos actores galegos Isabel Blanco, que interpretará unha muller galega, cun carácter moi peculiar, que veranea en Moledo, Antonio Mourelos, Mariana Carballal, Jorge Varandela, Xoel Yáñez e a nena Ángela Ríos. Ademais, entre os personaxes principais, están os intérpretes portugueses Maya Booth, Graciano Dias, Ana Cristina de Oliveira, Pedro Almendra, Matilde Breyner, José Carretas, Carolina Marinho, Santiago Mateus e Stella Brabetz, entre outros.

En total serán 13 episodios, cunha duración de 45 minutos cada un, producidos por Santa Rita Filmes e realizados pola lisboeta Patricia Sequeira, directora de ‘Morangos com Açucar’, serie de éxito que se emitiu o ano pasado a través da segunda canle da Galega.

A trama ten como punto de partida a iniciativa dun pai -Manuel- que, tras a tensión dun divorcio, decide recuperar e estreitar a relación cos seus dous fillos comezando unhas vacacións de verán na praia de Moledo, no concello de Caminha, onde el viviu os seus mellores momentos durante a xuventude. Axiña os seus fillos formarán un grupo inseparable de amigos cos que vivirán grandes aventuras, mentres que o pai se reencontrará cunha antiga relación da súa adolescencia.

Unha escola de surf e un bar na praia serán algúns dos escenarios principais, aos que hai que engadirlles unha casa de madeira xunto ao areal, en que vive un vello galego artesán de instrumentos, chamado Diego, un amigo ao que recorrerán os rapaces en cada unha das súas fazañas.

No primeiro episodio, os espectadores verán esta noite como Manuel volve a Moledo despois de 20 anos para pasar as vacacións cos seus fillos. Pero a idea dun verán tranquilo esvaécese cando se reencontra con Filipa, a súa paixón adolescente. Mentres, os seus fillos, Rodrigo e Leonor, non perden o tempo para meterse en leas. Intentan chegar ao Antinous, un barco afundido, pero non conseguen alcanzalo porque a embarcación na que ían queda á deriva. A pesar do susto, saen desta aventura con novos amigos: Tristaõ, Vasco e Graça.

Por outro lado, Kiko auséntase por traballo e falta á festa de aniversario da súa filla, o que desgasta aínda máis o seu matrimonio con Filipa e provoca que Graça non queira celebrar nada e se xunte cos seus amigos nun campamento na Serra d’Arga. Alí, Rodrigo coñece unha rapaza galega e, ao practicar geocaching, descobren moito máis do que agardaban. Finalmente, Manuel non deixa que Filipa se desanime e axúdaa a preparar unha festa sorpresa para Graça.

Anuncios