Este xoves celebrouse o primeiro pleno da lexislatura en Baiona, no que se tratou o réxime de dedicacións dos concelleiros do equipo de goberno, que supoñerá un 20% máis no volume total de gasto ao contar con 10 concelleiros, un máis que no anterior goberno do PP. Haberá cinco dedicacións exclusivas, para o alcalde, os tres tenentes de alcalde e a concelleira de Cultura, cunha xornada do 100%. Así pois, Carlos Gómez percibirá 3.215 euros ao mes (45.010 euros anuais), Óscar Martínez, Carlos de la Peña e Iago Pereira terán unha retribución de 2.400 euros mensuais (33.600 euros ao ano), e Miriam Costas de 1.500 euros cada mes (21.000 euros anuais).
Víctor Muñoz, concelleiro de Urbanismo, Comercio e Mercado, Yasmina Costas, responsable de Igualdade, Xuventude e Novas Tecnoloxías, e Concepción Vara, que levará as áreas de Servizos Sociais, Mobilidade e Accesibilidade, terán dedicación parcial, cun 70% de xornada, o que supón 25 horas semanais cunha retribución mensual de 1.200 euros (16.800 euros ao ano). Finalmente, Óscar Carreño, edil de Educación e Emprego, percibirá 930 euros ao mes (11.160 euros anuais), cunha xornada do 35%, cun total de 12,50 horas semanais, ao tratarse de persoal laboral indefinido non fixo da Mancomunidade.
Este punto saíu adiante cos votos a favor do tripartito PSOE, NÓS, BNG e as abstencións de PP e CS. O portavoz popular, Ángel Rodal, mostrou o seu desacordo, destacando que “é a primeira vez que o municipio conta con cinco dedicacións exclusivas”, o que lle parece excesivo. Así mesmo, manifestou a súa incomprensión ante a equiparación salarial dos tres tenentes de alcalde, xa que considera que as nóminas deberían de ir de máis a menos en función do posto. Por outra banda, Rodal considerou que as Concellerías de Cultura e Deportes están “infravaloradas” ao percibir 900 euros mensuais menos que os seus compañeiros, mantendo que “Baiona ten un potencial cultural enorme”.
Xa para finalizar o portavoz popular criticou o volume total de gasto xa que segundo asegurou “supón 36.000 euros máis ao ano”. Neste sentido tanto Iago Pereira do BNG como o independente Carlos de la Peña xustificaron o aumento ao seu goberno de dez edís, aínda que aclararon que os salarios en xeral son inferiores respecto ao anterior goberno do PP. Outra das novidades para o presente mandato é que Gómez tan só contará cun cargo de confianza e non de dúas, tal e como viña ocorrendo ata o momento.
Durante a sesión plenaria, que se alongou durante media hora, tratáronse outros puntos como as retribucións por xuntas, comisións e asistencia a plenos, que non se modificaron, establecéndose en 162, 92 e 325 euros, respectivamente, e a designación de representantes na Xunta da Mancomunidade do Val Miñor, que serán Carlos Gómez, Ángel Rodal, Carlos de la Peña, Iago Pereira e Rosa Piñeiro. Tamén se aprobou a periodicidade do Pleno da Corporación, que continuará celebrando as sesións ordinarias con carácter mensual o primeiro xoves de cada mes ás 12:00 horas, exceptuando os meses de agosto e xaneiro.

