Sin categoría

O PP de Gondomar critica as “presas” e a “falta de supervisión” das obras

O Partido Popular de Gondomar denuncia que apenas un mes despois de rematar a construción da Praza da Paradela os veciños ven impasibles como está outra vez en obras, “debido á falta de control por parte dos membros do goberno municipal e a urxencia por inaugurar a obra pola celebración das eleccións”. A súa presidenta afirma que agora estanse vendo os froitos dos traballos feitos ás presas e sen ningún control por parte do Concello. “Paco Ferreira dedicouse a comezar e executar obras a última hora, sen ter en conta as consecuencias que podería traer”, afirma Paula Bouzós.

Segundo os populares, outra das secuelas destas presas son as árbores que o Concello quitou desta praza e transplantou á zona do Centro Neural, as cales van secando unha tras outra. “Isto é outro síntoma da falta de xestión e planificación do goberno do Concello de Gondomar, que o único que fai e arrincalas deixando o oco libre. Nas obras tampouco se tiveron en conta as consecuencias medioambientais que poderían ocasionar como a falta de zonas verdes, ou a falta de sombra nos días de moita calor, algo que poderemos comprobar coa chegada do verán”.

Paula Bouzós esixe que dende o Concello se leve un control verdadeiro e real das obras que se están realizando, “para evitar que os veciños teñamos que pagar as consecuencias desta falta de supervisión por parte do goberno municipal”.