O Concello de Baiona reestruturará por completo a axenda de lecer de verán “Baiverán” programada polo anterior goberno, tras decatarse de que non dispoñen dunha partida o suficientemente ampla para asumir os gastos que xeran as preto de 200 actividades expostas durante a pasada tempada alta polos populares. O alcalde Carlos Gómez explicou que polo momento están a traballar a contrarreloxo para pechar o calendario que está a ser xestionado pola concelleira de Cultura e Deportes, Miriam Costas, e cuxa presentación se fará publicamente nos próximos días. “A idea é reorganizar todas as iniciativas e a súa formulación para aforrar e poder facerlles fronte economicamente falando”, explicou. Así mesmo aproveitou para aclarar que o novo cronograma non perderá calidade respecto ao anterior. Por outra banda o rexedor afirmou ter cancelado o ciclo de conferencias para a tempada estival debido a unha falta de entendemento co seu organizador, Antonio Piñero.
O novo goberno de Baiona refai por completo o “Baiverán”

