Nigrán organiza o “I Festival Folclórico Os Muíños do Xuncido” para as festas de San Pedro

O Concello de Nigrán ofrece este sábado 29 de xuño o “I Festival Folclórico Os Muíños do Xuncido” con motivo das festas patronais de San Pedro da Ramallosa ante a ausencia de comisión este ano e co obxectivo de que non se perda a celebración desta data tradicional. O evento organízase coa asociación Eixo Tolo e conta coa colaboración da Deputación de Pontevedra a través de Pontegal.

Deste xeito, a festa arrancará o sábado ás 11:00 horas coa actuación da Banda de Música Cultural de Arcade no recinto do Torreiro de Festas de San Pedro de A Ramallosa para, a continuación, ás 12:00 horas, oficiarse a Misa Maior. O I Festival Folclórico Os Muíños do Xuncido arrancará propiamente no mesmo lugar ás 20:00 horas coa actuación inaugural do propio grupo de Camos (Nigrán) promotor deste evento que leva o seu nome, ‘Os Muíños do Xuncido’, seguidos de ‘ACR de Lagares da Beira’ (Coímbra-Portugal), ‘Ondiñas do Mendo’ (Salvaterra), Ronda típica da Meadela (Viana do Castelo, Portugal) e, finalmente, Grupo de Danza Pais de San Roque (Cangas do Morrazo).