Inscricións abertas para a décima edición da Travesía a Nado de Baiona

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // 8ª Travesía a Nado Vila de Baiona.

O Concello de Baiona organiza o vindeiro sábado día 6 de xullo a décima edición da Travesía a Nado en colaboración coa Piscina Mancomunada do Val Miñor. O prazo de inscrición finaliza o martes 2 de xullo ás 12:00 horas.

A proba organízase en varias categorías e distancias de carácter mixto: sub 12 – 100 metros (2007-2011) a partir das 17:00 horas na praia da Ribeira; sub 16 – 500 metros (2003-2006) ás 17:15 tamén na praia da Ribeira, e adultos (1980-2002) e veteranos (desde 1979) cunha distancia de 1.800 metros e saída ás 18:00 horas desde a praia da Barbeira e chegada na Ribeira. A entrega de premios está prevista para as 19:30 horas.

Establécense trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, masculina e feminina, así como para o primeiro baionés e a primeira baionesa. Tamén haberá premio especial para o participante máis novo e para o máis maior e trofeos por equipos.

O prezo da inscrición é de 5 euros para as categorías adultos e veteranos, sendo gratuíta para os sub 12 e sub 16, incluíndo camiseta conmemorativa, seguro de accidentes e bolsa de avituallamento. As inscricións poden formalizarse a través da plataforma www.championchipnorte.com ou fisicamente no Pavillón Municipal de Baiona ou a Piscina Mancomunada do Val Miñor. Establécense os teléfonos de información 986 356 558 e 986 353 677 ou tamén a través dos correos deportes@baiona.org e piscinavalminor@serviocio.es.