Vive Nigrán pecha o seu cartel e presenta a súa programación musical por días

Novedades Carminha.

A terceira edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 19 e 20 de xullo, presenta as últimas bandas que formarán parte do seu cartel. Trátase de Isius, Yo Diablo, Uke & the Leeles, L’Emperador, Gain Over e os DJs Paul Church, Isaac Pedrouzo, Paula do Campo e Picnic Pop. O festival, ademais, continuará artellándose sobre a música e fusionándose cunha serie de experiencias que permitirán ao visitante vivir Nigrán no sentido máis amplo do termo: terán á súa disposición dende xogos ao aire libre ata unha gran oferta culinaria a cargo de foodtrucks, obradoiros, presentacións de proxectos culturais, actividades marítimas…

A programación musical por días quedará do seguinte xeito: o venres 19 de xullo invadirán o Escenario Mahou e o Escenario Rías Baixas o glitter pop de Hickeys, o R&B contemporáneo da novísima Adriana Proenza, a música latina e o rock de raíces de Los Vinagres, Stanich, unha das referencias da renovación musical máis vigorosas, o caos creativo e punk de Los Nastys, o desmelene frenético e pop adulterado de Meneo e as sesións DJ de Isaac Pedrouzo, Paul Church e Paula do Campo.

O sábado 21 de xullo dende a mañá, os asistentes poderán gozar de xeito gratuíto da música de Uke & The Leeles, do Concerto Mahou Cinco Estrellas no que Delafé -en formato Mediodía Cañero- amosará o seu novo son máis electrónico, dos acordes enérxicos e o pop cristalino dos valencianos L’Emperador e de tres concertos a cargo de Gain Over, a escola de rock do Val Miñor. A partir de media tarde, o acceso ao recinto tornarase de pago para acoller o folk, pop acústico e rock de Isius, o ritmo mantra “tucu-chaca” e o fingerpicking salvaxe de Yo Diablo, o pop electrónico do dúo barcelonés Hidrogenesse, as revolucionarias Las Chillers, os galegos Novedades Carminha e o dúo Monterrosa, disposto convertir a pista de baile en paraíso e trincheira. O día completarano as sesións DJ de Isaac Pedrouzo e Picnic Pop.

As entradas e abonos para asistir ao evento, que se celebrará os próximos 19 e 20 de xullo, pódense adquirir xa en www.vivenigran.com a un prezo de 30 euros o abono e 18 euros a entrada de día.

Apoios e colaboracións

A organización ten preparado tamén un sinfín de actividades paralelas que desvelarán nos próximos días para debuxar un “picnic pop festival” de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite. Entre elas atópanse un bautismo de surf para os máis pequenos e pequenas da casa en colaboración con La Conservera del Surf, o cambio de look gratuíto que a Barbería Derek Ivanich e Save the Sailor lle ofrecerán durante o festival a todo aquel que o desexe a través do seu novo proxecto “La Chabacana”, ou food trucks a cargo de La Pepita Burger Bar, ChacMool Taquería, Misco-Midas, Peaky Food Truck e Creperie La Bretonne. E todo iso nun espazo máxico e co que mantén un compromiso de emprazamento: fronte ao Atlántico, co perfil das illas Cíes ao fondo, nun extremo de Praia América-Lourido (un areal dos máis aplaudidos de todo o litoral galego pola súa extensión, area fina e de augas case transparentes) e ao pé da península de Monte Lourido.

Para levarse a cabo, o festival Vive Nigrán conta co apoio de institucións coma o Concello de Nigrán, a Deputación de Pontevedra e a Agadic -Axencia Galega das Indutrias Culturais- a través da marca Fest Galicia, e o patrocinio de Mahou, Thunderbitch e Nissan.