O BNG de Nigrán acusa ao goberno local de consentir a “escavación masiva” da praia

FOTO: VIGOÉ // Así estaba a praia de Panxón na tarde de onte.

O Consello Local do BNG de Nigrán quere denunciar publicamente a contraditoria actuación do goberno municipal na festa da noite de San Xoán nos areais de Lourido e Panxón.

“Por unha banda desenvolve unha campaña de concienciación e voluntariado ambiental que saudamos, cun escaso éxito de participación na que nin sequera chegaron a completar as corenta persoas ás que ofrecían pases gratuítos ao Vive Nigrán, pero que dá a impresión que non buscaba máis que a propaganda política, continuando a liña característica deste goberno no mandato anterior, e unha ficticia preocupación polo medio ambiente, esquecendo que dispón dos medios coercitivos para impedir a agresión ao ecosistema costeiro”, sinala Xavier Rodríguez.

“Por outra banda, ao mesmo tempo que desenvolven esta campaña, consenten o continuo atentado á praia coa escavación masiva do areal, permitindo o acceso a el de mozos provistos de palas e sachos cos que deixan toda a superficie chea de buratos de ata un metro de profundidade e varios de diámetro. Na mencionada campaña recoñécese o atentado ambiental que supón esta práctica e pídese que non se fagan, pero non fan nada por combatela. Ademais o paso pola zona de dunas foi continuo, coa conseguinte afectación ao sistema”, lamenta o responsable de política municipal do BNG de Nigrán.

Os nacionalistas lembran que para a festa de San Xoán se pon en marcha un enorme dispositivo que inclúe a todos os efectivos dispoñibles da policía local, protección civil e servizos de emerxencias e garda civil. “Un custoso despregue que non ten apenas incidencia algunha na protección ambiental, xa que esta non constitúe ningunha prioridade no despregue efectuado”.

“No BNG nos gustaría que se conciliase a tradición do San Xoán co respecto ao medio impedindo prácticas que non teñen nada de tradicionais, senón que foron sendo cada ano máis agresivas ante a inacción das autoridades municipais. Nese sentido avogamos porque o goberno de Nigrán actúe como os de outras localidades que cortaron con determinación estas actividades”, conclúe Xavier Rodríguez.

Anuncios