Teatro do Ar representa a comedia “Distintas Compañías” en Oia

A Casa da Cultura de Pedornes (Oia) recibe este venres a partir das 20:00 horas a Teatro do Ar. A compañía de Nigrán representará a obra orixinal de Pedro Rodríguez Villar, director do grupo, “Distintas Compañías”. Unha comedia baseada nas lendas que Antonio Fraguas, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste ano, recolleu durante a súa vida de aldea en aldea.

Dous peregrinos chegan a Eiriña, unha aldea pequena que non sae en ningún mapa e onde viven cerca de trinta veciños nun pequeno casco urbano entre leiras e bosques escuros. Perdidos preguntan ao párroco Muñoz, un crego sospeitoso que non sae da aldea dende fai vinte anos, por onde se vai a Santiago. Este non lles responde e os inclúe como parte dun ritual do máis estraño e perigoso.

Con esta historia Pedro Rodríguez pretende mostrar a forza das lendas e a tradición no rural galego. “Son parte da nosa identidade e temos que saber aprecialas como fonte de contos, teatro e todo o que queiramos”, explica o creador. Outro dos puntos interesantes da obra, ademais da súa chave de humor, consiste no contraste entre unha xuventude pegada ao Instagram e outra ás lendas de lareira.

Teatro do Ar é unha compañía de rapaces entre 16 e 24 anos que se creou fai oito anos. Colaboran en proxectos de teatro social e xa recorreron gran parte de Galicia coas súas actuacións. Agora chegan por primeira vez a Oia coa intención de “mostrar que o teatro tamén e cousa de rapaces e rapazas”.

Anuncios