Para impulsar a competitividade empresarial do sector Biotecnolóxico de Galicia e o Norte de Portugal, os socios do Clúster Transfronteirizo Biotecnolóxico abriron a convocatoria pública para que as empresas interesadas poidan optar a algún dos espazos do CTBio-LAB dispoñibles no Edificio Tecnolóxico que a Zona Franca ten no parque tecnolóxico de Porto do Molle. Os proxectos ou empresas biotecnolóxicas seleccionadas nesta convocatoria non só poderán utilizar as instalacións que se adecuaron para as necesidades específicas de traballo deste tipo de empresas senón que tamén terán acceso a todos os servizos de apoio que se poñerán en marcha con este programa auspiciado pola Unión Europea. A utilización destas instalacións será gratuíta durante a execución do proxecto CTBIO e os emprendedores soamente terán que facerse cargo dos seus pequenos materiais e consumibles.
Como declarou o delegado David Regades “o impulso deste sector non só farase ofrecendo as mellores e avanzadas instalacións senón que, ademais de espazos, o CTBio-LAB contempla a prestación de cinco servizos gratuítos de apoio a proxectos e empresas biotecnolóxicas como apoio na dirección e xestión a empresas bio xa constituídas; asesoramento e coaching particular; formación en marketing e comunicación así como asesoramento en internacionalización e novos modelos de negocio”. “Creo que é un programa moi completo no que Zona Franca está a traballar intensamente cos seus socios” dixo Regades quen explicou que este proxecto conta con 6 socios: o Consorcio Zona Franca de Vigo, Bioga (Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida) e a Universidade de Santiago por parte galega e a Universidade do Minho, P-Bio (Associación Portuguesa de Bioindustrias) e o INL (International Iberian Nanotechnology Laboratory), pola parte portuguesa.
O CTBio-LAB, cofinanciado con fondos FEDER, pon ao dispor das persoas físicas e xurídicas do sector biotecnolóxico de recente creación ou en proceso de consolidación na eurorrexión conformada por Galicia e Norte de Portugal, unhas instalacións auspiciadas pola Zona Franca, socia do proxecto. Nestas instalacións ofrécense espazos de oficinas, laboratorios polivalentes con equipamentos básicos de uso transversal e salas de traballo en coworking.
CT-Bio ten como obxectivo final mellorar a competitividade empresarial e a consolidación do sector biotech e das ciencias da vida na rexión transfronteiriza cunha folla de ruta conxunta e baseada na colaboración e cooperación entre axentes e empresas a ambos os dous lados da fronteira. Entre os obxectivos específicos do proxecto atópanse a posta en marcha de accións destinadas a apoiar o desenvolvemento, o emprendemento, a creatividade e a xeración de novas ideas e novos modelos de negocio no sector biotecnolóxico.
A solicitude de participación pode facerse a través do formulario de candidatura dispoñible na sección en liña especificamente deseñada para tal efecto na web do proxecto CTBIO (http://ct-bio.org/).
O prazo para a inscrición iníciase desde o día posterior á publicación desta convocatoria e prolongarase ata alcanzar o número máximo de beneficiarios previstos tanto para o uso das instalacións do CTBio-LAB como para ser beneficiario dos servizos de asesoramento.

