A Xunta proba o funcionamento das sirenas de aviso á poboación da presa de Baíña

Este mércores desenvolveuse con normalidade a proba de funcionamento das sirenas de aviso á poboación dun total de 26 presas galegas. O primeiro sinal soou ás 9:00 da mañá na presa de Frieira e foise repetindo en distintas presas ata as 19:00 horas.

En total, soaron máis de 70 sirenas situadas por todo o territorio, adscritas ás presas de Frieira, As Conchas, Castrelo, Salas, Albarellos, Belesar, Portodemouros, Brandariz, Villagudín, San Cosmade, Chandrexa, Guístolas, San Esteban, Santa Eulalia, San Martín, Montefurado, Sequeiros, Casoio, Pumares, Cenza, As Portas, O Bao, Prada, Touro, Río Cobo e Baíña.

Para a proba, contouse coa colaboración dos titulares das infraestruturas: Augas de Galicia, Alcoa, Endesa, Iberdrola, PHG e Naturgy (antiga Gas Natural Fenosa); así como do persoal dependente da Consellería de Medio Ambiente, membros de Protección Civil dos concellos afectados, e da Confederación Hidrográfica Miño Sil e Augas de Galicia.

Con este exercicio, preténdense acadar dous obxectivos principais: garantir a operatividade dos sistemas e que a poboación das zonas afectadas recoñeza o son da serea de aviso de evacuación.

En Galicia, actualmente hai 43 plans de emerxencia de presa aprobados. Os obxectivos que se perseguen con este tipo de plans é ter definidas as estratexias para facer fronte a situacións que comporten risco de rotura ou avaría grave, coñecer as zonas que quedarían anegadas en caso de rotura, e ter previstos os sistemas de aviso tanto á poboación, como aos organismos xestores de Emerxencias. Son plans que buscan estar o mellor preparados posible para situacións que comporten riscos nestas instalación, e deste xeito garantir a seguridade dos cidadáns do entorno.

Aposta pola prevención

Desde a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior se quere subliñar a importancia que teñen este tipo de exercicios, xa que dan a coñecer á poboación da zona as medidas de autoprotección a aplicar en caso dunha emerxencia destas características, ademais de mellorar a coordinación efectiva entre as administracións e as empresas para garantir a seguridade na zona.

Anuncios