O Monte Real Club de Yates segue consolidándose como referente da vela inclusiva en Galicia

O Monte Real Club de Yates segue consolidándose como referente da vela inclusiva en Galicia ao cumprir sete anos de actividade na súa Escola de Vela Adaptada, pola que cada ano pasan máis de 100 persoas con diversidade funcional para navegar en igualdade de condicións.

O club baionés clausurou esta mañá o sétimo curso que organiza desde que, en 2012, inaugurou un proxecto destinado a achegar ao mar a persoas con discapacidades físicas, psicosociais, cognitivas e sensoriais. Unha iniciativa que non fixo máis que crecer e que nos últimos meses apuntábase a un novo reto, o de achegar ao mar a persoas afectadas con trastornos graves de conduta.

O Centro de Educación Especial de Panxón, en Nigrán, sumábase así á lista de asociacións que, durante o últimos sete anos, pasaron por Baiona para ofrecerlles aos seus usuarios a posibilidade de poder gozar do mar máis aló das súas limitacións. Agrupacións como o CAPD de Redondela, ASEM Galicia ou o Centro Juan María, que esta mañá estiveron tamén presentes no acto de clausura celebrado no Monte Real.

A conselleira de Política Social da Xunta de Galicia, Fabiola García, foi a encargada de presidir un evento no que destacou o traballo que realiza o Monte Real Club de Yates ao aproveitar a riqueza do mar -dixo- para poñer en marcha actividades que impulsan a plena integración das persoas con discapacidade. Nesta liña, reivindicou que “para facer de Galicia unha comunidade cada día máis acolledora con todas e todos, é necesaria a implicación conxunta de entidades sociais, empresas e administracións públicas”. Así mesmo, a conselleira agradeceu aos centros e asociacións participantes neste curso de vela adaptada e felicitou aos seus usuarios por demostrar que “non hai barreiras se a ilusión e as ganas van por diante”.

Ademais da titular autonómica de Política Social, no acto estiveron presentes outros membros da Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Baiona, habituais apoios do Monte Real Club de Yates nas súas diferentes iniciativas. Tamén varios membros de Fundación Repsol, principal patrocinador da Escola de Vela Adaptada.

O vicepresidente do club, Alejandro Retolaza, agradeceulles a todos eles o apoiar á Escola de Vela adaptada desde os seus inicios, o que lle permitiu -dixo- “ir crecendo ano tras ano ata converterse no referente que é hoxe en Galicia”. Retolaza fixo extensivo o agradecemento do Monte Real aos monitores e acompañantes das distintas asociacións, aos adestradores especializados do club, aos patróns e resto de persoal que traballa na escola.

Alumnos con mobilidade reducida, espectro autista, síndrome de down, problemas neurodexenerativos ou neuromusculares son algúns dos beneficiarios e principais destinatarios dos cursos de vela adaptada do Monte Real, que, desde a súa inauguración fai sete anos, inclúe actividades tanto teóricas como prácticas.

Ás habituais sesións en aula e saídas a navegar en diferentes tipos de barcos, principalmente Fígaros Beneteau e Gos 16, fóronselle sumando co paso dos anos outro tipo de propostas como seminarios de vela adaptada, navegacións en pneumáticas con vela ou programas de tecnificación para a futura participación en competicións.

Numerosas melloras que o Monte Real Club de Yates foi introducindo nos últimos sete anos nunha escola de vela que mantén a mesma misión e o mesmo obxectivo co que naceu: o de ofrecerlle a todo aquel que o desexe a posibilidade de navegar e gozar do mar en igualdade de condicións.