Coque Araújo e Marta Abruñedo gañan a VIII Travesía de Pádel Surf entre Baiona e Nigrán

Un ano máis se daba cita na baía de Baiona a popular Travesía de Pádel Surf puntuable para o Circuíto Galego de Stand Up Paddle, da Federación Galega de Surf. A proba, cun total de 68 inscritos (45 deles federados) arrancaba desde a Praia da Ladeira, en Baiona, ás 11:20, con condicións perfectas, nun día asollado, con temperaturas suaves e sen apenas vento, aínda que a metade de percorrido comezou a soprar un lixeiro nordeste que fixo aínda máis grande a brecha que se creou entre a cabeza de carreira e o resto do pelotón.

Tras a saída, foise conformando unha cabeza de carreira moi definida composta polos lusos Paulo Lopes e Lalo Cunha seguidos do mozo Eneko Alonso, un sub-16 que se coaba entre os mellores Open, e pechaban este grupo de escapados os locais Marta Abruñedo e Coque Araújo. O grupo íase escapando a un ritmo moderado pero constante, aumentando en cada momento a distancia co pelotón. Ao seu paso por Monte Lourido lideraban a carreira Coque Araújo e Paulo Lopes disputándose a primeira posición e Lalo Cunha por detrás conseguía distanciarse de Eneko, que perdía as opcións de podio. Na segunda metade do percorrido, que discorría ao longo de Praia América, Paulo Lopes pagaba a elección dunha táboa máis lenta (12’6’’ fronte á 14’ de Coque Araújo) e perdía definitivamente a primeira posición ante o local (vencedor da proba en múltiples ocasións) que entraba en meta cunha vantaxe cómoda sobre o seu perseguidor. En categoría feminina, a local Marta Abruñedo non daba opción aos seus rivais e impoñíase comodamente á “rookie” Araceli Hermida, e Lourdes Barros completaba o podio.

Ao final da proba tiñan lugar os xa clásicos “Bautismos de Iniciación ao Pádel Surf” da man de Prado Surf Escola e Waira, e máis tarde unha sesión de pilates sobre táboas de pádel surf e o petisco de despedida, que acentúa a cara máis lúdica desta travesía que mestura competición con travesía lúdica.

Esta actividade, organizada por Waira, Prado Surf Escola e Club Galego de Surf, coa colaboración dos Concellos de Baiona e Nigrán, foi realizada dentro do proxecto “Produto Turístico de SUP Ría de Vigo – A Guarda”, que recibe axuda ao amparo das estratexias de desenvolvemento local participativo (EDLP) aprobadas pola Consellería do Mar aos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP).

CLASIFICACIÓNS VIII TRAVESÍA DE PADDLE SURF BAIONA-NIGRÁN

 

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

 

Anuncios