Os sub23 do Vigo-Rías Baixas inician este xoves a Volta a Castelló

O ciclo que arrancou hai pouco máis dun mes coa Bidasoa Itzulia e continuou coa Volta a Navarra péchase para os corredores máis novos do Vigo-Rías Baixas en Castelló. Por primeira vez os ciclistas sub23 da entidade presidida por José Luis Chamorro tiveron a oportunidade de disputar integramente o tríptico máis prestixioso do calendario español e desde este xoves confían en despedilo cunha boa actuación en terras valencianas.

A diferenza das dúas anteriores citas, na Volta a Castelló os corredores flúor non son novatos. A organización desta proba de catro etapas leva desde 2016 convidando ininterrompidamente á estrutura con sede na cidade olívica. Nesta ocasión compartirá pelotón cos mellores equipos do panorama estatal e con tres escuadras estranxeiras: unha francesa, unha israelí e outra do Principado de Mónaco.

Ao non poder contar cos seus tres xefes de filas, por tratarse dunha rolda limitada a ciclistas sub23, o Vigo-Rías Baixas tentará deixarse ver espremendo a combatividade dos pupilos de Iván Rodríguez. O director deportivo salmantino dirixirá un seis formado por Jaime Guzmán, Gabriel Ochando, Antonio Barbero, Santi Martínez, Alejandro Bayán e o surafricano Devin Shortt.

Con 138 quilómetros, chamados a resolverse ao sprint en Oropesa, iniciarase esta volta que vivirá a súa xornada crave o sábado. Ese día chegará a quenda da etapa reina con final no porto de 1ª categoría de Vistabella. O ano pasado o vencedor da Volta foi un corredor con pasado no Vigo-Rías Baixas e que actualmente compite no campo profesional, o ponteareán Cristian Mota.