A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acaba de anunciar que a institución provincial recibiu a última das achegas de Europa para completar o proxecto de eficiencia enerxética na iluminación pública exterior de 43 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Coa última achega aprobada, por valor de 548.089,99 €, vanse investir 4 millóns de euros que permitirán substituír 7.519 puntos de luz por luminarias LED que aforrarán de media un 62 % na factura da luz.
Silva destacou a importancia destas actuacións para contribuír a construír unha contorna máis sustentable. Neste eido, a presidenta amosou o seu compromiso e adiantou que “nos vindeiros catro anos esta Deputación vai marcar como obxectivo prioritario a transición ecolóxica, e vai impulsar moitos proxectos para salvagardar o planeta que é o mesmo que salvar a vida”.
No caso do proxecto de eficiencia enerxética, as últimas achegas concedidas por Europa, por valor de 548.089,99 euros, permitirán substituír 1.385 puntos de luz por luminarias LED en Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, Dozón, Gondomar, A Lama, Mondariz-Balneario, Salceda de Caselas e Valga. Deste xeito, en Gondomar actuarase en 188 luminarias cunha achega de 75.000 € e un aforro do 76%.
“Gondomar leva cambiando a súa iluminación a LED nos últimos anos de maneira progresiva e dentro das posibilidades que o seu propio orzamento municipal permítelle, colocando neste mandado máis de 200 puntos novos de iluminación pública e levando a cabo a reposición da iluminación tradicional á iluminación LED, pero agora con esta subvención poderemos levar a cabo dunha maneira rápida e decidida un cambio notable do sistema nos próximos meses, axudando así, non só ao aforro, senón a unha mellor calidade do servizo”, destacou o alcalde en funcións, Paco Ferreira.

