Mila López mantense líder da Copa de España de ciclismo adaptado

A localidade lucense de Viveiro acolleu esta fin de semana a terceira cita da Copa de España de Ciclismo Adaptado; un evento que, a diferenza do habitual, dispuxo para os participantes un precioso e esixente percorrido en liña de 30 quilómetros, en lugar dun circuíto de menor quilometraxe.

Os galegos foron os grandes dominadores deste evento. Ángel Plácido López (Inclusivo Enki) levaría a vitoria na clase MH1; en MH2 os dous primeiros postos ocupáronos integrantes do Riazor, Juan Ramón Permuy, secundado por Alejandro Ferradas.

Iván Manoel Montero, outro representante do club coruñés, finalizou primeiro en MH5 e reforzou o seu liderado. A clase MH3 dominouna Johannes Van der Heijden, ao que acompañaron no podio Alfonso Ruiz e Sergio Pozos. Vicente Yánguez mostraríase como o máis rápido en MH4, con Luís Alberto Santamaría como segundo clasificado.

En canto á participación feminina, só habería competición na clase WH4, onde se impoñería Marta Escobar, coa baionesa Milagros López (Riazor) como segunda clasificada e mantendo o maillot de líder da Copa.

En MC2 a vitoria sería para Antonio García, que se impuxo por uns segundos a un combativo Alfredo Irusta, prata, e con máis marxe á medalla de bronce, Raúl Vallinot.

Luis Javier Arcega (Riazor) mostrourse como o máis forte en MC3, precedido por Carlos Perona, segundo clasificado. En MC4 presenciouse unha bonita pelexa entre José Manuel Dosdad e Xose Manuel Vázquez (Riazor), saldada en favor do primeiro no sprint final.

Como adoita ser habitual, unha das carreiras que máis emoción e igualdade deparou foi a da clase C5, na que triunfou un gran Severino Mata (Xtrembike), ao que escoltaron no podio Luís Anderson Prieto, segundo, e o estremeño Rubén Tanco, terceiro, pero que continúa como líder da Copa de España.

O certame estatal celebrará o seu cuarto evento o 13 de xullo en Badajoz.

Anuncios